14.8.25

Audición 452: Cine Concerto Caspervek - O Navegante

6 de setembro, 20:00 horas

Praza de España de Monforte de Lemos.


CASPERVEK

Comezos

Caspervek Trío fundouse en 2013 polo pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer. A súa primeira actuación foi en xaneiro de 2014, interpretando unha partitura orixinal e improvisada para o Nosferatu de F. W. Murnau. Un mes máis tarde, o violinista Eduards Vecbastiks uniuse ao dúo e comezaron a escribir novas bandas sonoras para as obras mestras do expresionismo alemán. Nos seus primeiros catro meses de actividade, a banda estreou catro bandas sonoras. A prensa local especializada definiu este debut como "a gran sorpresa de 2014".

Primeiros anos

O trío alcanzou rapidamente certo recoñecemento local, tocando nalgúns dos principais festivais da rexión como o Via Stellae ou o Festival Sinsal. Un ano máis tarde, Caspervek faría a súa primeira xira europea. Unha viaxe que lles levou a actuar nunha ducia de países do continente, estreando cinco novas bandas sonoras e actuando en importantes escenarios como o Museo Nacional de Estonia, o Auditorio Baltais Fligelis de Letonia ou a Galería FLUX de Budapest. Nos anos seguintes, Caspervek seguiría actuando noutros importantes escenarios europeos como a Lytgen Station de Copenhague, o GORS de Rezekne ou o Kalnciema Kvartals de Riga. En 2015 e 2016, Caspervek formou parte da programación de The Urban Beach Cinema, un dos maiores cinemas ao aire libre de España, onde ofreceu máis de dez películas mudas ante miles de persoas. O 26 de outubro de 2016 fixo o seu primeiro cine-concerto para a Sociedad Filarmónica de Monforte de Lemos.

Anos intermedios

En 2016, unha nova violinista, Raquel Fernández, uniuse á formación, mentres que Eduards trasladouse a Alemaña. Durante estes anos, o grupo acentuou o seu interese nos concertos didácticos, traballando estreitamente con festivais de cinema e institucións académicas para desenvolver programas específicos que achegasen o cinema mudo e o patrimonio cinematográfico aos nenos. Como resultado deste traballo, o grupo ofreceu concertos educativos no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), o Teatro Afundación (Vigo), ou o Centro Cultural Záhrada en Banska-Bystrica (Eslovaquia), así como en ducias de escolas e colexios de toda España.

Novos camiños

En 2019 o grupo decide afastarse da súa formación como trío para evolucionar cara a un ensamble modular segundo as necesidades de cada película. Esta nova etapa comeza coa estrea do proxecto máis ambicioso da historia de Caspervek: unha épica representación da paixón de Juana de Arco de C. T. Dreyer cun coro de 24 cantantes e un conxunto de 12 músicos que se estrea en maio de 2019 ante un cheo total en Vigo, en Monforte representouse o 18 de novembro de 2022. Este é o primeiro proxecto que integra o cinema mudo coas novas tecnoloxías multiángulo.

O NAVEGANTE

O filme

Rollo Treadway, un mozo absurdamente rico e mequeiro, decide de forma impulsiva propoñerlle matrimonio á súa veciña, Betsy O'Brien. Sen perder tempo, envía ao seu mordomo para reservar un cruceiro de lúa de mel con destino a Honolulu. Pero cando Betsy rexeita a súa proposta repentina, Rollo decide emprender a viaxe de todos os xeitos. Esa mesma noite, por un erro coa sinalización do peirao, sobe ao barco equivocado: o Navigator, que acaba de ser vendido polo pai de Betsy a un país estranxeiro... e en conflito. Por azares do destino, Betsy tamén termina a bordo, e a parella deberá sobrevivir xuntos —e sós— á deriva no medio do océano, sen tripulación, sen habilidades náuticas… e rodeados de trampas cómicas.
O contraste entre os refinados modais de Rollo e as esixencias mecánicas do barco xera algúns dos momentos máis hilarantes do cinema mudo: desde intentos torpes de cociñar ata loitas por acender unha estufa de carbón ou manipular ferramentas náuticas. A comedia desprázase do interior do barco a escenas submarinas, e culmina cunha secuencia de mergullo absolutamente innovadora para a súa época, que marcou un fito no uso de equipos acuáticos no cinema.
The Navigator é unha das películas máis exitosas e orixinais de Buster Keaton, e tamén, das máis ambiciosas desde o punto de vista técnico. A súa premisa combina o slapstick máis físico cunha elegante crítica social: dous privilexiados incapaces de valerse por si mesmos, obrigados a enfrontarse á realidade sen criados, comodidades nin terra firme.
A orixe de The Navigator foi case accidental: o escenógrafo Fred Gabourie descubriu o antigo transporte militar USAT Buford nun estaleiro de San Francisco. Keaton viu o seu potencial e convenceu ao seu produtor Joseph Schenck de alugalo por 25.000 dólares, con tripulación incluída. O barco foi rebautizado como The Navigator, e máis de 60 persoas traballaron durante 10 semanas a bordo, incluíndo a mariñeiros reais encargados de operar a embarcación.
A película foi o maior éxito comercial de Keaton, e hoxe considéraselle unha das súas obras máis redondas en termos de ritmo, humor visual e exploración temática. A súa idea do home moderno perdido entre máquinas que non comprende —tema recorrente en Keaton— alcanza aquí a súa máxima expresión.
En 2018, a Biblioteca do Congreso de EE. UU. seleccionou The Navigator para a súa conservación no National Film Registry, pola súa importancia cultural, histórica e estética.

A banda sonora

“The Navigator” permitiu a Brais González combinar na súa partitura os elementos tradicionais presentes nas súas composicións para comedias de humor con outros elementos musicais, como cancións mariñeiras, música tribal e música de películas de aventuras dos anos 50.

NOTAS: As escenas submarinas, revolucionarias para a época, inclúen equipos de mergullo reais e foron filmadas con gran dificultade técnica. A película foi analizada como unha sátira sobre a dependencia moderna da tecnoloxía, un tema que décadas despois exploraría o cinema de Chaplin ou Jacques Tati.                           

Texto CASPERVEK