12.4.17

Audición 391. Cuarteto Alicerce

25 de abril de 2017, 20:15 horas
Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro


AS SETE PALABRAS DE CRISTO NA CRUZ

http://www.cuartetoalicerce.com/



ALICERCE no idioma Galego posúe tres acepcións que teñen en común a importancia da base na construción dun proxecto: “Un edificio con sólidos alicerces”.
Os integrantes do Cuarteto ALICERCE entenden que eses principios de solidez veñen dados dende varios camiños. Un deles, quizáis o más importante, sexa a amizade xestada a través dos anos entre os catro e articulada a través de diferentes proxectos musicais que os levan a formular esta nova proposta de música de cámara.
Outros deses camiños son o repertorio que deciden afrontar e o xeito de facelo: Música para cuarteto dos períodos clásico e primeiro romanticismo europeos interpretada con instrumentos encordados en tripa. Esta época da música occidental supón posiblemente o fundamento das formas e a linguaxe da música de cámara. A escolla das cordas de tripa ven dada pola experiencia acumulada polos catro no campo da música antiga e que lles leva a considerar que é o mellor xeito de recrear a sonoridade e o espíritu desas obras.
O Cuarteto ALICERCE naceu dun concerto organizado pola Universidade de Santiago de Compostela que tivo lugar no Paraninfo da Facultade de Historia en Xuño de 2016, onde interpretaron as “Sete últimas palabras de Cristo na Cruz” de Joseph Haydn. Tanto a obra como o marco onde se interpretou foron sen dúbida bos alicerces para o xurdimento deste proxecto.




Integrantes:

Jorge Montes, violín 
Roberto Santamarina, violín

Mª José Pámpano, viola

Carlos García Amigo, Violonchelo





 PROGRAMA

 
AS SETE PALABRAS DE CRISTO NA CRUZ


INTRODUCIÓN...............................................……………............. Maestoso adagio 

I.- PAI, PERDÓAOS, PORQUE NON SABEN O QUE FAN ……........………… Largo
II.- HOXE ESTARÁS CONMIGO NO PARAISO………………........ Grave e cantábile
II.- MULLER AHÍ TES O TEU FILLO, E TI AHÍ TES A TUA NAI ………….. Grave
IV.- DEUS MEU!, DEUS MEU!, POR QUÉ ME ABANDONACHES? ………... Largo
V.- TEÑO SEDE …………………………………………………………………......….. Adagio
VI.- TODO ESTA CONSUMADO ……………………………………………..…….… Lento
VII.- PAI, NAS TUAS MANS POÑO O MEU ESPÍRITU ………… Largo con sordini

TERREMOTO ………………………………………………...... Presto e con tutta la forza




NOTAS AO PROGRAMA

As Sete Palabras de Xesucristo na Cruz” é sen dúbida, un dos traballos máis profundos do seu autor, e ten a súa orixe nun inusual encargo.
Cara a 1780 a sona de Haydn estendíase por toda Europa. Por aqueles anos o compositor, liberado xa da obriga de traballar exclusivamente para o príncipe de Esterházy, compuxo un bo número de obras por encargo: a este período pertencen As Sete Palabras escritas para Cádiz.
Haydn escribiu a obra probablemente en 1786, e ao ano seguinte a editorial vienesa Artaria publicouna en tres versións: unha para orquestra –que sería a orixinaria-, unha segunda para cuarteto de corda, e unha máis en redución para piano.
Para enmarcar axeitadamente As Sete Palabras no seu contexto debemos referirnos ao destino que se pretendía dar á obra:
El EJERCICIO DE LAS TRES HORAS era unha práctica relixiosa orixinaria das misións Xesuítas do Perú e estendida dende mediados do século XVII en Hispanoamérica e, posteriormente, en España. Tiña lugar o Venres Santo entre as doce e as tres da tarde, e rememorando as “sete palabras” –sete frases– que pronunciou Xesús dende a cruz.
Un Xesuíta peruano, Alonso Messía Bedoya (1655-1732), tivo a idea de introducir interludios musicais entre os comentarios a cada unha das palabras, e divulgou esta práctica mediante un libro titulado Devoción de las Tres Horas de la agonía de Cristo... y Método con que se practica en el Colegio de la Compañía de Jesús de Lima y toda la Provincia del Perú editado primeiramente en Sevilla (1757) e posteriormente en diversas cidades españolas.
En Cádiz téñense novas desta práctica cara a 1730, que por indicación do Bispo trasladáronse á Igrexa do Rosario no centro da cidade e alí, en 1756, con motivo dunhas obras de reforma, descubriuse un subterráneo que foi acondicionado para a congregación e comezou a chamarse La Santa Cueva. En 1766 José Sáenz de Santamaría, Marqués de Valde-Íñigo, fíxose cargo da dirección dos congregantes de La Santa Cueva que eran xa moi numerosos. Como o recinto quedara pequeno, comprou unha casa adxunta e ampliouno construíndo unha austera capela subterránea de tres naves que se inaugurou en 1783.
Neste recinto, e non na Catedral, é onde debemos situar As Sete Palabras. O feito é que para enriquecer os cultos de La Santa Cueva procurouse unha obra de Joseph Haydn, o máis famoso compositor da época. Haydn debeu recibir información moi detallada do desenvolvemento do acto para o cal ía ser destinada a súa obra, o exercicio das tres horas. É sorprendente a coincidencia de datos recollidos con exactitude en testemuños diversos, como dous do propio Haydn no prólogo da edición de 1801, e o case idéntico de Griesinger en 1810; pero hai un testemuño máis de Albert C. Dies que corrobora os mesmos detalles con toda precisión:
Haydn recibiu unha carta en Latín dun cóengo da catedral de Cádiz en España. O que querían de Haydn era un solemne oratorio para o Venres Santo. A cerimonia dentro da cal se interpretaría o oratorio viña descrita con todo detalle, e pedíaselle a Haydn que o tivese en conta. Eles reflexionaran longamente acerca das últimas palabras que pronunciou o Redentor na Cruz. Haydn tiña que iniciar a obra cunha introdución que anunciara a cerimonia. Despois un cóengo subiría a un púlpito expresamente erixido na catedral, pronunciaría con sentida expresión Pater dimitte illis, [...] e comentaríao cun sermón (que duraría como máximo dez minutos); despois baixaría do púlpito para axeonllarse ante unha imaxe do Crucificado de tamaño natural levantada no centro. Aquí comezaría o primeiro adagio, que (igual que todos os demais) duraría como máximo dez minutos. Acabada a música, o cóengo levantaríase e subiría de novo ao púlpito para falar de novo brevemente coma antes. Palabras e música alternarían así ao longo do oratorio. O final viría cunha representación musical do terremoto que seguiu á crucifixión. Toda a igrexa, incluíndo altares e fiestras, estaría cuberta con cortinas negras. Unha única lámpada no centro iluminaría o lutuoso lugar.
Segundo a tradición gaditana e a documentación dispoñible, As Sete Palabras véñense realizando ininterrompidamente en La Santa Cueva dende o S. XVIII ata a actualidade. O que cabe preguntarse é se a obra se interpretou algunha vez en versión orquestral ou só na versión de cuarteto, dado que ambas son tan próximas no tempo. Castro y Serrano, que escoitou a obra en 1866, fala inequivocamente de cuarteto: derrámanse as notas tenues dos catro instrumentos [...], a impoñente ira daquel cuarteto desbordado.
A tradición das Sete Palabras segue vixente en Cádiz e constitúe un gran feito para numerosos melómanos e devotos gaditanos que ano tras ano acoden á representación o Venres Santo. O silencio e a penumbra da cripta, o seu severo decorado, o seu afastamento do mundo exterior, crean un clima máxico e denso onde o único referente é o drama maxistralmente realzado pola música.


Cuarteto Alicerce