3.10.26

Audición 466: Cine concerto, Go West

Mércores 28 de outubro de 2026

Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.




CASPERVEK
Comezos
Caspervek Trío fundouse en 2013 polo pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer. A súa primeira actuación foi en xaneiro de 2014, interpretando unha partitura orixinal e improvisada para o Nosferatu de F. W. Murnau. Un mes máis tarde, o violinista Eduards Vecbastiks uniuse ao dúo e comezaron a escribir novas bandas sonoras para as obras mestras do expresionismo alemán. Nos seus primeiros catro meses de actividade, a banda estreou catro bandas sonoras. A prensa local especializada definiu este debut como "a gran sorpresa de 2014".

Primeiros anos
O trío alcanzou rapidamente certo recoñecemento local, tocando nalgúns dos principais festivais da rexión como o Via Stellae ou o Festival Sinsal. Un ano máis tarde, Caspervek faría a súa primeira xira europea. Unha viaxe que lles levou a actuar nunha ducia de países do continente, estreando cinco novas bandas sonoras e actuando en importantes escenarios como o Museo Nacional de Estonia, o Auditorio Baltais Fligelis de Letonia ou a Galería FLUX de Budapest. Nos anos seguintes, Caspervek seguiría actuando noutros importantes escenarios europeos como a Lytgen Station de Copenhague, o GORS de Rezekne ou o Kalnciema Kvartals de Riga. En 2015 e 2016, Caspervek formou parte da programación de The Urban Beach Cinema, un dos maiores cinemas ao aire libre de España, onde ofreceu máis de dez películas mudas ante miles de persoas. O 26 de outubro de 2016 fixo o seu primeiro cine-concerto para a Sociedad Filarmónica de Monforte de Lemos.

Anos intermedios
En 2016, unha nova violinista, Raquel Fernández, uniuse á formación, mentres que Eduards trasladouse a Alemaña. Durante estes anos, o grupo acentuou o seu interese nos concertos didácticos, traballando estreitamente con festivais de cinema e institucións académicas para desenvolver programas específicos que achegasen o cinema mudo e o patrimonio cinematográfico aos nenos. Como resultado deste traballo, o grupo ofreceu concertos educativos no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), o Teatro Afundación (Vigo), ou o Centro Cultural Záhrada en Banska-Bystrica (Eslovaquia), así como en ducias de escolas e colexios de toda España.

Novos camiños
En 2019 o grupo decide afastarse da súa formación como trío para evolucionar cara a un ensamble modular segundo as necesidades de cada película. Esta nova etapa comeza coa estrea do proxecto máis ambicioso da historia de Caspervek: unha épica representación da paixón de Juana de Arco de C. T. Dreyer cun coro de 24 cantantes e un conxunto de 12 músicos que se estrea en maio de 2019 ante un cheo total en Vigo, en Monforte representouse o 18 de novembro de 2022. Desde entón, a filosofía de Caspervek e facilitar a incorporación de novos músicos á banda. Así mesmo desde 2019, Caspervek acorda con Tolemias, pioneira na distribución de concertos en streaming, sendo este o primeiro proxecto que integra o cinema mudo coas novas tecnoloxías multiángulo.
 

GO WEST

 
O filme
Despois de fracasar en todos os seus intentos de atopar traballo na cidade, un mozo solitario —interpretado por Buster Keaton— decide probar sorte noutro lugar e sóbese clandestinamente a un tren crendo que vai a Nova York. Pero o tren diríxese en dirección contraria: ao afastado Oeste. Tras unha serie de peripecias, Buster acaba nun rancho de gando onde, sen experiencia algunha, consegue traballo como vaqueiro. Alí establece unha entrañable amizade cunha vaca marxinada, Brown Eyes, que cambiará o seu destino e revelará un lado insólitamente tenro do cine de Keaton.
Go West estreada en 1925, supuxo un afastamento dos escenarios urbanos e industriais tan habituais nas súas comedias para explorar o mito do Oeste americano desde unha perspectiva cómica e melancólica. Ao remate a estampida de vacas convértese nunha escena surealista e memorable
O personaxe de Keaton, chamado simplemente "Friendless" (sen amigos), representa como nunca a figura do outsider total, alguén sen habilidades útiles, sen raíces e sen voz. Pero a súa forma de relacionarse co mundo —e cos animais— revela unha humanidade desarmante. A relación coa vaca Brown Eyes é o corazón emocional da película, e aínda que poida parecer ridículo, Keaton consegue transmitir tenrura e compaixón cunha sinceridade inesperada.
Aínda que Go West non foi tan celebrada como outras obras de Keaton na súa estrea, gañou aprecio co tempo, especialmente polo seu ton atípico, a súa sensibilidade e a súa sutil crítica ao mundo moderno.
 

A banda sonora
A Banda Sonora de Caspervek para "Go West" trata de evocar as músicas do afastado Oeste e dos rodeos americanos á vez que as mestura coas sonoridades típicas do swing e o jazz clásico. A música foi estreada por Laura Lorenzo, Brais González e Blas Castañer en novembro de 2021.

Notas
A vaca Brown Eyes foi adestrada persoalmente por Keaton recibindo un salario semanal de 13 dólares e figurando oficialmente nos créditos.

Buster Keaton leva durante toda a película o mesmo traxe negro que usaba na cidade, unha sátira visual continua do forasteiro fóra de lugar.

A escena final da estampida foi filmada realmente no centro de Los Ángeles, e con gando auténtico o que causou tales interrupcións que a produción tivo que negociar coas autoridades locais durante semanas.
 

Texto CASPERVEK

Audición 465: Dúo Artevi

 Venres 16 de outubro de 2026: 20:15 horas

Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.




MARTA VÉLEZ VIOLINISTA

Título Superior de violín e Música de cámara
Premier Prix violon et solfége Conservatopire Royal Bruxelles
Licenciate of Guildhall school of Music an Dramma
Postgraduate Diploma in music performance Guildhall school of Music an Dramma

Nacida en Vigo, estudou violín no Conservatorio Superior da cidade co profesor Manuel Martínez. Con 18 anos ingresa no Real Conservatorio de Bruxelas, onde recibe clases de Agustín León Ara e Tános Adamopoulos e obtén o Primeiro Premio de Violín, Solfexo e Música de Cámara. Despois foi admitida na Guildhall School of Music and Drama de Londres con Ifrah Neaman, onde se graduou cunha licenciatura e un posgrao en interpretación musical.
Así mesmo, complementou a súa formación asistindo a cursos e masterclass de prestixiosos profesores como Jose Luis García Asensio, Gerard Claret, Rodney Friend, Vartan Manoogian, Félix Ayo ou Nicolás Chumachenco. En recoñecemento ao seu talento, obtivo bolsas de diversas entidades; entre eles a Fundación Barrié, Caixa Galicia, Segundo Gil Dávila, A.I.E...
Foi membro e colaborador habitual de diversas orquestras, como a Orquestra Clásica de Vigo, a Orquestra Nacional Xuvenil de España, a Orquestra Cidade de Granada, a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Nacional de Bélxica, a Orquestra Filharmónica de Bruxelas, e Orquestra Xuvenil da Comunidade Europea, sempre dirixidas por directores de recoñecido prestixio. Tamén actuou como solista con varios deles, gravando o Concerto para violín de Manuel Quiroga coa Orquestra Ensemble Vigo 430.
Actúa habitualmente como intérprete de música de cámara nunha gran variedade de grupos, participando en numerosos concertos e festivais en España e outros países europeos. Entre estes grupos, sempre dedicou especial atención ao dúo de piano, tendo colaborado frecuentemente con Cristina Olivar, José Manuel Fernández e Constantino Pérez. Actualmente é profesora de Violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo, impartindo docencia a través do programa Erasmus en países como Italia, Grecia, Albania, Romanía , Camboia ou Portugal.





JOSE MANUEL FERNÁNDEZ PIANISTA

Título de profesor Superior de Piano
Catedrático de Repertorio de piano para voz no CSM de Vigo
Concertos como solista, acompañamento, e participación en diversas formacións camerísticas por diferentes cidades europeas.

Pianista ourensano nado en 1968 que actualmente traballa como Catedrático de Repertorio de piano para voz no Conservatorio Superior de Vigo.
Formou parte de grupos galegos como MC2, Arco da Vella, Gaita up e Trasmundi entre outros. Actuando en numerosos concertos e festivais por toda España, Portugal , Francia, e Alemania. Destacando o Festival de Lorient e a Expo de Sevilla en 1992.
No eido da música clásica ademais de concertos como solista, dende 2003 acompaña principalmente a numerosos cantantes, e a formacións camerísticas
diversas. Ten realizado mais de 500 concertos, actuando por toda Europa con frecuencia, a Traverso de diferentes programas, promovidos e financiados por Deputación de Ourense, Xunta de Galicia é Ministerio de Cultura, ademáis de diferentes organizacións tales como Instituto Cervantes, axencia OAPE e SEPIE a través de Erasmus plus. Tamén participa dende 2015 con frecuencia en Semanas de difusión de música clásica española e galega, en numerosos países do Centro, Este de Europa, e incluso Asia.
Dende 2009 imparte docencia e colabora en proxectos de piano, escena lírica e opera en numerosos Conservatorios Superiores de Europa tales como Milan , Parma, Roma, Bari, Trento, Mantua, Tallin, Vilnius, Cluj Napoca, Montenegro,Tirana, Istambul, Esmirna, etc .Ten grabado 7 Cds cos diferentes grupos dos que formou parte. Tamén producíu o Cd do Conxunto Folk do CSM de Vigo.
Actualmente ademais de concertos con cantantes líricos e música de cámara está a finalizar una gravación de composicións propias e preparando un proxecto satírico musical moi persoal chamado Rachmanolus. Como compositor numerosas composicions súas acompañan programas de televisión, documentáis e cine.


PROGRAMA
I.- Liebeslied                                                  F. Freisler
II.- Souvenir d’un lier cher Op.42                  P. Tchaikovsky
    1.- Meditación
    2.- Scherzo
    3.- Melodie

III.- Danza Española nº1 “La vida breve”              M. de Falla - F. Kresisler
IV.- Introducción e Tarantella Op.43                      P. Sarasate
V.- Aires Gitanos Op. 20                                         P. Sarasate
VI.- Introducción e Rondó Caprichoso Op. 20       C. Saint-Saëns
 

Texto Dúo Artevi

 

27.8.26

Audición 464: a clásica

Sábado 5 de setembro de 2026, 19:00 horas

Igrexa dos Escolapios

Orquestra clásica de Vigo



ORQUESTA CLÁSICA DE VIGO “a clásica”

A Orquesta Clásica de Vigo, decana de Galicia, naceu en 1984 da man do seu director titular e artístico Manuel Martínez Álvarez-Nava, configurando un proxecto que ofrece a súa programación anual na cidade de Vigo.

Nos 40 anos de historia da entidade, as obras interpretadas superan as 500, sendo isto un exemplo de aposta pola diversidade na música. Nos últimos anos realizou propostas de danza, cinema en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas.

Trátase dunha formación que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. Polos seus atrís pasaron máis de 650 instrumentistas de toda Galicia e do Norte de Portugal, con máis de 140 solistas. A Orquestra Clásica de Vigo non entende de estilos ou etiquetas na súa programación, que se acolle como unha oportunidade para explorar a riqueza do patrimonio musical e atraer a públicos distintos aos da música clásica tradicional.

 

DANIEL SANMARTÍN NIETO director e clavecinista

Nado en Pontevedra, Daniel completa as ensinanzas profesionais de música en Percusión e Piano e, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, obtén os títulos superiores en Etnomusicoloxía e Musicoloxía Histórica baixo a titoría de Javier Jurado, coas máximas cualificacións e premio extraordinario fin de estudos. No Conservatorio Santa Cecilia de Roma acada cum laude os diplomas de segundo ciclo en Disciplinas Históricas, Críticas e Analíticas da Música —baixo a supervisión de Cecilia Campa—, en Cravo e Teclados Históricos —como discípulo de Enrico Baiano— e en Órgano e Composición Organística —baixo a guía de Alberto Pavoni—, completando a súa formación co estudo da Dirección.

No ámbito académico, colaborou como relator con entidades como a Pontificia Universidade Lateranense, o Conservatorio de Roma, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, a Fundación G. P. da Palestrina ou a asociación Nuova Consonanza. Así mesmo, ten desempeñado diversas funcións editoriais en máis de trinta publicacións de carácter musical e musicolóxico.

Cun interese artístico que se estende da música antiga ata a creación contemporánea interdisciplinar, ten ofrecido concertos como solista ao cravo, fortepiano e órgano en institucións como o Museo Nacional de Instrumentos Musicais de Roma, a sala académica do conservatorio da mesma cidade, a Fundación Varrone de Rieti, o Festival Internacional de Percusión de Almería, o festival Un organo per Roma ou o festival Híbridas de Santa Clara en Pontevedra —co acompañamento da Orquesta Clásica de Vigo—.

Colaborador habitual da Clásica, exerce como vicedirector artístico do festival organístico 8pés desde a súa primeira edición, do ano 2021.

 

 

 

TEMPO DE DANZA

Tradicións e transformacións musicais baixo o reinado de Luís XV

 

      Este programa evoca o dobre universo que marcou a Francia posterior ao Grand Siècle : dun lado, a Arcadia bucólica, cos seus praceres pastorís e danzas idílicas; doutro, o esplendor da corte, reflexo dunha orde xerárquica que exalta a través do simbolismo pastoril a figura dun rei taumaturgo. Así, a lira, emblema da música e da natureza idealizada, atópase co cetro, símbolo do poder real, nun diálogo sonoro onde o pastoril e o rexio se funden na linguaxe refinada do tardobarroco francés.

A danza, que fora elevada a linguaxe política e social na corte de Luís XIV de Francia, o Rei Sol, mantense e transfórmase progresivamente durante o reinado do seu bisneto e sucesor, Luís XV, contexto no que se sitúan as obras deste programa. Esta manifestación artística continúa a funcionar como código compartido entre o ámbito cortesán e o teatro, contribuíndo a establecer un imaxinario idílico no que o mundo pastoril preséntase como proxección idealizada da propia orde social, integrando natureza e poder nun mesmo marco simbólico. As diferentes pezas recollidas neste concerto constitúen o vocabulario desta tradición, cuxa estabilidade formal non impide unha evolución significativa na súa escritura musical.

 

 

PROGRAMA

 

I.- Jean-Féry Rebel (1666-1747)

Les Plaisirs champêtres

1.- Musette-Gavotte-Musette                                                      2.- Chaconne

3.- Passepied                                                  4.- Bourrée-Rigaudon-Bourrée

 

II.- Mademoiselle Duval (ca. 1718-post 1775)

Les Génies, ou Les caractères de l’Amour

(suite para orquestra da ópera-ballet)

1.- Ouverture    2.- Premier et deuxième menuet    3.- Air pour les Génies    4.- Ritournelle    5.- Marche    6.- Ritournelle    7.- Air    8.- Prélude gai, sans vitesse    9.- Premier et deuxième passepied    10.- Passacaille    11.- Sarabande    12.- Premier et deuxième tambourin    13.- Ritournelle    14.- Rondeau

 

III.- Jean-Philippe Rameau (1683-1764)

Castor et Pollux (suite para orquestra da traxedia lírica)

1.- Ouverture    2.- Air pour les Athlètes    3.- Premier et deuxième tambourin    4.- Menuet    5.- Première et deuxième gavotte vive pour  un génie qui préside aux constellations    6.- Air très gai    7.- Premier et deuxième passepied    8.- Chaconne pour les Génies

 

                                                                         Texto: Daniel Sanmartín Nieto

16.8.26

Audición 463: Caspervek. Cine-concerto en O Saviñao

 24 de agosto de 2026, Auditorio de Escairón, 20:00 horas

Ciclo de cine-concerto na contorna: O Saviñao.

V Festa da Vendima. Patrocinado polo Concello de O Saviñao

Grupo Caspervek 

 

CASPERVEK
Comezos.
Caspervek Trío fundouse en 2013 polo pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer. A súa primeira actuación foi en xaneiro de 2014, interpretando unha partitura orixinal e improvisada para o Nosferatu de F. W. Murnau. Un mes máis tarde, o violinista Eduards Vecbastiks uniuse ao dúo e comezaron a escribir novas bandas sonoras para as obras mestras do expresionismo alemán. Nos seus primeiros catro meses de actividade, a banda estreou catro bandas sonoras. A prensa local especializada definiu este debut como "a gran sorpresa de 2014".

Primeiros anos
O trío alcanzou rapidamente certo recoñecemento local, tocando nalgúns dos principais festivais da rexión como o Via Stellae ou o Festival Sinsal. Un ano máis tarde, Caspervek faría a súa primeira xira europea. Unha viaxe que lles levou a actuar nunha ducia de países do continente, estreando cinco novas bandas sonoras e actuando en importantes escenarios como o Museo Nacional de Estonia, o Auditorio Baltais Fligelis de Letonia ou a Galería FLUX de Budapest. Nos anos seguintes, Caspervek seguiría actuando noutros importantes escenarios europeos como a Lytgen Station de Copenhague, o GORS de Rezekne ou o Kalnciema Kvartals de Riga. En 2015 e 2016, Caspervek formou parte da programación de The Urban Beach Cinema, un dos maiores cinemas ao aire libre de España, onde ofreceu máis de dez películas mudas ante miles de persoas. O 26 de outubro de 2016 fixo o seu primeiro cine-concerto para a Sociedad Filarmónica de Monforte de Lemos.

Anos intermedios
En 2016, unha nova violinista, Raquel Fernández, uniuse á formación, mentres que Eduards trasladouse a Alemaña. Durante estes anos, o grupo acentuou o seu interese nos concertos didácticos, traballando estreitamente con festivais de cinema e institucións académicas para desenvolver programas específicos que achegasen o cinema mudo e o patrimonio cinematográfico aos nenos. Como resultado deste traballo, o grupo ofreceu concertos educativos no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), o Teatro Afundación (Vigo), ou o Centro Cultural Záhrada en Banska-Bystrica (Eslovaquia), así como en ducias de escolas e colexios de toda España.

Novos camiños
En 2019 o grupo decide afastarse da súa formación como trío para evolucionar cara a un ensamble modular segundo as necesidades de cada película. Esta nova etapa comeza coa estrea do proxecto máis ambicioso da historia de Caspervek: unha épica representación da paixón de Juana de Arco de C. T. Dreyer cun coro de 24 cantantes e un conxunto de 12 músicos que se estrea en maio de 2019 ante un cheo total en Vigo, en Monforte representouse o 18 de novembro de 2022. Desde entón, a filosofía de Caspervek e facilitar a incorporación de novos músicos á banda. Así mesmo desde 2019, Caspervek acorda con Tolemias, pioneira na distribución de concertos en streaming, sendo este o primeiro proxecto que integra o cinema mudo coas novas tecnoloxías multiángulo.

O NAVEGANTE


 

O filme

Rollo Treadway, un mozo absurdamente rico e mequeiro, decide de forma impulsiva propoñerlle matrimonio á súa veciña, Betsy O'Brien. Sen perder tempo, envía ao seu mordomo para reservar un cruceiro de lúa de mel con destino a Honolulu. Pero cando Betsy rexeita a súa proposta repentina, Rollo decide emprender a viaxe de todos os xeitos. Esa mesma noite, por un erro coa sinalización do peirao, sobe ao barco equivocado: o Navigator, que acaba de ser vendido polo pai de Betsy a un país estranxeiro... e en conflito. Por azares do destino, Betsy tamén termina a bordo, e a parella deberá sobrevivir xuntos —e sós— á deriva no medio do océano, sen tripulación, sen habilidades náuticas… e rodeados de trampas cómicas.
O contraste entre os refinados modais de Rollo e as esixencias mecánicas do barco xera algúns dos momentos máis hilarantes do cinema mudo: desde intentos torpes de cociñar ata loitas por acender unha estufa de carbón ou manipular ferramentas náuticas. A comedia desprázase do interior do barco a escenas submarinas, e culmina cunha secuencia de mergullo absolutamente innovadora para a súa época, que marcou un fito no uso de equipos acuáticos no cinema.
The Navigator é unha das películas máis exitosas e orixinais de Buster Keaton, e tamén, das máis ambiciosas desde o punto de vista técnico. A súa premisa combina o slapstick máis físico cunha elegante crítica social: dous privilexiados incapaces de valerse por si mesmos, obrigados a enfrontarse á realidade sen criados, comodidades nin terra firme.
A orixe de The Navigator foi case accidental: o escenógrafo Fred Gabourie descubriu o antigo transporte militar USAT Buford nun estaleiro de San Francisco. Keaton viu o seu potencial e convenceu ao seu produtor Joseph Schenck de alugalo por 25.000 dólares, con tripulación incluída. O barco foi rebautizado como The Navigator, e máis de 60 persoas traballaron durante 10 semanas a bordo, incluíndo a mariñeiros reais encargados de operar a embarcación.
A película foi o maior éxito comercial de Keaton, e hoxe considéraselle unha das súas obras máis redondas en termos de ritmo, humor visual e exploración temática. A súa idea do home moderno perdido entre máquinas que non comprende —tema recorrente en Keaton— alcanza aquí a súa máxima expresión.
En 2018, a Biblioteca do Congreso de EE. UU. seleccionou The Navigator para a súa conservación no National Film Registry, pola súa importancia cultural, histórica e estética.

A banda sonora

“The Navigator” permitiu a Brais González combinar na súa partitura os elementos tradicionais presentes nas súas composicións para comedias de humor con outros elementos musicais, como cancións mariñeiras, música tribal e música de películas de aventuras dos anos 50.

NOTAS: As escenas submarinas, revolucionarias para a época, inclúen equipos de mergullo reais e foron filmadas con gran dificultade técnica. A película foi analizada como unha sátira sobre a dependencia moderna da tecnoloxía, un tema que décadas despois exploraría o cinema de Chaplin ou Jacques Tati.                           

Texto CASPERVEK

 

15.6.26

Audición 462: Banda Filarmónica de Lugo


Domingo 28 de xuño de 2026, 19:00 horas

Igrexa dos Escolapios.

 


 

BANDA FILARMÓNICA DE LUGO

A Banda Filarmónica de Lugo foi creada no ano 2013 por iniciativa do seu director, Iván Martínez Sabio, xunto con outros músicos da cidade, co apoio da Sociedad Filarmónica de Lugo e do Conservatorio Profesional Xoán Montes.
Ao longo destes anos desenvolveu unha programación anual estable na cidade de Lugo, combinándoa con actuacións en diversas localidades de España e Portugal. A banda contou coa colaboración de mestres convidados como José Rafael PascualVilaplana, José Alberto Pina, Javier Viceiro ou Pablo Marqués.
A asociación integra tamén unha Banda Infantil e un Coro de Nenos, e no ano 2026 retomou o seu Obradoiro Musical de verán destinado á formación de rapaces e rapazas.
Na actualidade, a súa sede atópase nas instalacións da Casa de Exercicios, espazo cedido xenerosamente polo Obispado de Lugo

 

IVÁN MARTÍNEZ SABIO      Director

Iván Martínez Sabio nace en Ortigueira (A Coruña) no ano 1981. Inicia os seus estudos musicais de clarinete e piano no seo da Banda-Escola da súa vila e na academia Maruxa Lema. Realiza os estudos profesionais no Conservatorio de Viveiro, onde traballa con F. Javier Vidal Suárez (clarinete) e Eloísa Pérez Lage (piano).
Posteriormente    contnúa    a súa formación   no   Conservatorio Superior da Coruña con Carlos Casadó (clarinete) e Natalia Lamas, Elena Segura e Ana Poghosian (piano).
Máis adiante cursa un máster en interpretación e análise na Universidade de Oviedo, baixo a tutela de Javier Balaguer (clarinete) e Ramón Sobrino (análise), ao tempo que amplía a súa formación en dirección musical con José Rafael Pascual-Vilaplana.
Ao longo da súa traxectoria participou en cursos e clases maxistrais con destacados intérpretes e directores, desenvolvendo unha intensa actividade concertística tanto como clarinetista solista coma director en distintos países.
Desde o ano 2009 é profesor de clarinete no Conservatorio Profesional de Lugo e dirixe, desde a súa fundación, a Banda Filarmónica de Lugo. En 2021 publicou a revisión para banda da obra Fantasía sobre Aires

 

PROGRAMA

SONS DE IDA E VOLTA:

 Propoñemos unha viaxe musical a través de diferentes tradicións do ámbito galego, español e hispanoamericano, nas que a música de banda actúa como punto de encontro e de intercambio cultural.
Baixo o

viaxe musical a través de diferentes tradicións do ámbito galego, español e hispanoamericano, nas que a música de banda actúa como punto de encontro e de intercambio cultural.

Baixo o fío condutor da danza e do carácter popular, as obras seleccionadas percorren paisaxes sonoras diversas: desde a enerxía festiva da música galega, pasando pola elegancia melódica do pasodobre español, ata a forza rítmica e expresiva das danzas latinoamericanas.

Un diálogo entre estilos, épocas e territorios que reflicte a riqueza dun patrimonio musical compartido, sempre en movemento entre ambas beiras do Atlántico.

  I.- Festa na Tolda – Gustavo Freire

II.- Suspiros de España – Antonio Álvarez

III.- Danzón nº2 – Arturo Márquez / arr. O. Nickel

IV.- O Conde de Lemos – Carlos Diéguez

V.- Alborada Galega – Pascual Veiga / arr. X. L. Represas

VI.- Danzas Cubanas – Robert Sheldon

 

 Texto: Iván Martínez Sabio



22.4.26

Audición 461: Orfeón Terra A Nosa

Igrexa Nosa Sra. da Antigua (PP Escolapios),

24-05-2026 ás 19:00 horas




ORFEÓN TERRA A NOSA

O Orfeón Terra a Nosa foi fundado en 1966 por Manuel Feijóo OFM (1926-92), quen ocupou a dirección ata 1984, sucedido por Miro Moreira (1984-2021) e Mateo Iglesias (2021-23), tendo na actualidade a Luís Martínez como responsable artístico.
En 1992 recibiu o Premio da Crítica Galega en recoñecemento á súa rigorosa carreira musical. En 1994 o Concello de Santiago de Compostela outorgoulle a Medalla de Prata ao Mérito Artístico. Entre os galardóns obtidos destacan os primeiros premios de polifonía (1974, 1980) no Festival de Torrevieja.
O Orfeón colabora na interpretación do repertorio sinfónico coral e ópera con orquestras como a Xoven Orquestra de Galicia, Orquesta Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Collegium Musicum Prague, Orquesta Sinfónica de Brno, Le Baroque Nomade, Orquesta Clásica de Vigo… entre outras, baixo a batuta de mestres da talla de Alberto Zedda, Edmon Colomer, Víctor Pablo Pérez, Paul Daniel, Antoni Ros Marbá, Massimo Spadano, William Lacey, Jacques Kantorow, Maximino Zumalave, Joam Trillo, Oliver Von Dohnanyi, Lorenzo Ramos, Jesús López Cobos, Kemal Kahn, Jean Cristophe Frisch ou Michel Piquemal.
Ademais de ter actuado por toda a Península Ibérica, presentouse en festivais internacionais en Francia, Alemaña, Inglaterra, Italia, Holanda, Bélxica, Portugal, O Vaticano, Polonia, Arxentina, Chile, Uruguai, Colombia, Venezuela e Estados Unidos (New York, e Washington).
Realizou numerosas gravacións, entre as que destacan Música tradicional galega (CBS),  Misa solemne Unus Deus e Requiem de Melchor López (BOA) ou a participación na integral de Joaquín Rodrigo (EMI Classics).
O Orfeón, no seu empeño de difundir e poñer en valor a música galega, protagonizou moitas recuperacións e estreas: Misa ao Apóstolo Santiago, Te Deum, Magnificat e Misa de Requiem (Juan Montes), Channanea (Joam Trillo), Stabat Mater (Buono Chiodi), e composicións diversas de José de Vaquedano, Santiago Tafall, Ramón Palacio, Millán Picouto, Marcos Mato ou Paulino Pereiro. Coa RFG participou nas estreas absolutas de Tempos Velados (2016) de Abe Rábade, a ópera A Amnesia de Clio (2019) de Fernando Buíde, e da Misa en honor ao Apóstolo Santiago (2022) de Marco Frisina, dirixida polo propio autor.
En novembro de 2025 presentou a 1ª gravación de la integral dos motetes de Marcial del Adalid (1826-1881), como preámbulo da celebración do bicentenario do nacemento do autor coruñés.

ORQUESTRA TERRA A NOSA


Este conxunto instrumental, creado no seo do Orfeón Terra a Nosa está formado por intérpretes profesionais, na súa maior parte vencellados ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. A agrupación constitúese con vontade de permanencia e como parte dun proxecto colectivo de expresión social, musical e cultural. Presentouse en 2025 en Cambados, Vigo e Santiago interpretando o Requiem KV626 (W. A Mozart) e o Magnificat en Dom (G. B. Martini).
A coordinadora da orquestra é Xusa Hervás, profesora de violonchelo no CMUS de Santiago de Compostela.
 

 

PROGRAMA

I.- Niccolò Zingarelli (1752-1837)

CHRISTUS FACTUS EST
QUANDO GESÚ COLL’ ULTIMO LAMENTO

II.- Saverio Mercadante (1795-1870)

LE SETTE ULTIME PAROLE DI NOSTRO SIGNORE SULLA CROCE

1.- Introduzione (coro e solistas)
2.- Parola prima (soprano)
3.- Parola seconda (coro)
4.- Parola terza (tenor e barítono)
5.- Parola quarta (coro)
6.- Parola quinta (tenor)
7.- Parola sexta (barítono e coro)
8.- Parola settima (coro e solistas)


III.- Juan Crisóstomo de Arriaga (1806-1826)

O SALUTARIS HOSTIA

IV.- Giacomo Puccini (1858-1924)

REQUIEM SC76

V.- Gaetano Donizetti  (1797-1848)

TUNC ACCEPTABIS A703  


ORFEÓN TERRA A NOSA

Sopranos, Aida López, Ana Melikhova                              
Tenor, David Ferreiro
Barítono, Pablo Nieves


ORQUESTRA DE CÁMARA TERRA A NOSA

Volíns   Roberto Santamarina (concertino), Blanca Bello, Olga Alexandovskaya, Elena Felpeto
Violas   Sara Franco, Itsaso Bermejo, Oscar Tomé
Violonchelos  Xusa Hervás, Araceli Castro             
Contrabaixo  Juan Cañada
Órgano  Juan Manuel Varela

1.4.26

Audición 460: dúo de chelo e piano

17 de abril de 2026, ás 20:15 horas

Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro


DÚO de CHELO E PIANO

 

Patrocina Consorcio da Ribeira Sacra


HARUNA TAKENE, PIANO


A pianista xaponesa Haruna Takebe graduouse na universidade Toho Gakuen de Tokio, ampliou estudos na Universidade das Artes de Berlín e obtivo o grao Master no Conservatorium van Amsterdam.
Na súa actividade profesional destacan as actuacións como solista xunto a orquestras como a Orquestra Sinfónica de Berlín, a Takamatsu Symphony Orchestra ou a Real Filharmonía de Galicia coa que protagonizou a estrea en España do concerto Lotus under the moonlight de Toshio Hosokawa. O selo STH Quality Classics publicou un disco con interpretacións de Scarlatti, Schubert, Liszt e Debussy.
En 2007 incorporouse á Elisabeth University of Music de Hiroshima como Catedrática de Piano e foi principal profesora convidada en varias institucións para facer seguemento de novos talentos ata o 2009, cando se traslada a Santiago de Compostela onde traballa para a Escola de Altos Estudos Musicais.
En España convertiuse nunha asidua dos seus escenarios tanto con recitales de piano solo como con diversas formacións de cámara como Artemis Ensemble, Airas Ensemble ou Vertixe Sonora. Coas dúas últimas agrupacións gravou sendos discos (CD Airas Ensemble; Columna Musica — 2017; e monográfico Víctor Ibarra con Vertixe Sonora para o selo NEOS — 2019).

THOMAS PIEL, CHELO


Nacido en Colonia (Alemania) en 1974, comeza os seus estudios musicais ós 6 anos no conservatorio da súa cidade natal (Rheinische Musikschule) onde ademáis de clases de violoncello coa profesora Susanne Bohn-Schulze, recibe clases de piano. En 1994 obten o primeiro premio na competición nacional da República Federal de Alemania “A Xuventude fai Música” na disciplina de Música de Cámara. En 1995 continúa os seus estudios de violoncello no Conservatorio Superior de Música de Essen (Folkwang-Musikhochschule) co profesor Christoph Richter obtendo o seu título profesional coas máximas calificacións.
Entre os anos 1995 a 2000 perfecciona os seus estudios en varios cursos cos profesores Gerhard Mantel, Siegfried Palm, Thomas Demenga, Ksenia Jankovic, Marcio Carneiro, Yvan Chiffoleau e Mstislav Rostropowitsch. Simultaneamente estudia música de cámara e realiza cursos de especialización cos profesores Andreas Reiner, Diemuth Poppen, Denes Zsigmondy, Vassily Lobanov e Dimitry  Ferschman. A súa experiencia en orquestas é moi amplia.
Foi membro da Orquesta da Xuventude de Colonia (1990-94); da Orquesta Xuvenil de Nordrhein Westfalen (1993-94); da Orquesta Sinfónica do Exército da Rep. Federal Alemana; da Orquesta do Conservatorio Superior de Essen e da Orquesta de Cámara de Gütersloh, onde foi solista de violoncello (1995-2001).
Participou tamén no Ensemble Resonanz, orquesta de Cámara da Filarmonía Xoven Alemana, dando numerosos concertos con directores e solistas de reputación internacional (1997-2000) e foi membro, no ano 2000, da Academia de Verán da Radio de Bavaria dirixida por Mstislav Rostropowitsch.
Así mesmo, é cofundador e membro do Ensemble eMex, agrupación de cámara de música contemporánea.  Desde 2001 é violoncelista na Real Filarmonía de Galicia en Santiago de Compostela.

 

PROGRAMA

1.- Luigi Boccherini / Enrico Mainardi
        I.- Largo e Allegro para violoncello y piano



2.- Enrico Mainardi
         I.- Due canzoni in ritmo di danza para violoncello y piano
         II.- Notturno para violoncello y piano
         III.- Noveletta para violoncello y piano
         IV.- Ballata e Serenata para violoncelo y piano