23.4.18

Audición 402. Trío Vindel

Mércores 2 de maio de 2018 ás 20,15 h.
Casa da Cultura – Poeta Lois Pereiro

 
https://drive.google.com/open?id=1hz9r49IxTv52tIb_DR_GhF_B4KPPaMBx

FERNANDO RAÑA BARREIRO ( Frauta)


RICARDO PAZO GARCÍA ( Óboe)


ASTERIO LEIVA PIÑEIRO (Clarinete)


 

  Fernando Raña Barreiro. Frauta

Nace en Pontesampaio no 1970 e remata os seus estudos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid coas máximas cualificacións no ano 1988. Posteriormente acada o Performers Diplomation da Guilhald School of Music and Drama de Londres. Estudou con Magdalena Martínez e recibiu clases maxistrais de Nicolas Brochot, Pierre Dumail, Kate Hill ou Alain Marion. Entre as súas colaboracións orquestrais cabe suliñar as realizadas coa Orquesta de Cámara del Festival Mozart, Orquesta Lírica Nacional, Orquesta Sinfónica de Galicia e Virtuosos de Moscú. Participou en diversas agrupacións camerísticas, destacando a súa participación co Dúo “Raña-González”, formación coa que gravou tres discos compactos de música orixinal para frauta e guitarra, obtendo un premio outorgado polo Ministerio de Cultura na reedición da integral de Ángel Barja. No ano 1992 accede por oposición ao corpo de profesores de música e artes escénicas do Ministerio de Educación e Ciencia, e tras desenvolver o seu labor pedagóxico en Gijón e Coruña, na actualidade é profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo.


Ricardo Pazo García. Óboe

Nace en Tui no ano 1972. Obtivo o Título de Profesor Superior de Óboe no Conservatorio Superior de Música de Vigo coa cualificación de Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Despois do seu paso polas Bandas de Tui e Municipal de Pontevedra intégrase como 1ro Óboe da Orquestra dá Comunidade Autónoma de Galicia. Colaborou coas Orquestras Real Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Galicia e Orquestra Sinfónica de Tenerife. Asistiu a cursos de Óboe cos Profesores Diethelm Jonas, Stefan Schilli, Hansjorg Schellenberger, Thomas Indermühle, Christian Schmitt e Albrecht Mayer. No ano 2001 foi seleccionado como primeiro Óboe pola European Union Youth Wind Orchestra, baixo a dirección de Jan Cober para participar nunha xira de concertos en Portugal. Foi Profesor de Óboe e Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música de A Coruña, Conservatorio Profesional de Música de Vigo e Escola Profissional de Música de Viana do Castelo (Portugal). Actualmente é Profesor de Óboe do Conservatorio Superior de Música de Vigo.


Asterio Leiva Piñeiro. Clarinete.

Inicia os seus estudos musicais co seu avó, Cortiñal de Baíña, para ingresar logo no CMUS Superior de Vigo onde obterá o Título de Profesor Superior de Música e o Premio Extraordinario Fin de Carreira na especialidade de clarinete. Posteriormente, amplía a súa formación no Rotterdam Conservatorium e na ESMAE de Oporto cos mestres Walter Boekyens e António Saiote. Ten levado a cabo a estrea absoluta de obras de Rogelio Groba, Carlos López García-Picos, Elixio Vila, Paulino Pereiro, Carlos Cambeiro, Margarita Viso ou Juan Eiras, amais de acometer a súa gravación no triplo traballo discográfico Antoloxía de compositores galegos para clarinete e piano (Lugo: Ouvirmos, 2011), o cal abrangue a meirande parte do repertorio galego para esta formación camerística. Así mesmo, protagonizou a estrea mundial dos dous primeiros concertos para clarinete e orquestra de autoría galega: Concerto para clarinete, cordas e percusión de García-Picos e Concerto Klasiko de Groba. Licenciado en Historia y Ciencias de la Música pola Universidad de La Rioja e doutor pola Universidade de Vigo, na actualidade é profesor de clarinete no CMUS Superior de Vigo.


Programa


I

Aubade.................................................Paul de Wailly

Serenata alla madrigalesca.................. Sérgio Azevedo

Suite a tres Op. 16 bis......................... Salvador Brotons

II 

Divertimento Op. 37........................... Malcolm Arnold

Trio Romántico Op. 78 .......................Leonardo de Lorenzo

2.4.18

Audición 401. Elina Viksne e Patricia Rejas

13 de abril de 2018
20:15 horas
Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro



https://drive.google.com/open?id=1_jRQ_7LQzjj1_pcDDmR6JAR_0wr3uuS4



ELINA VIKSNE, Violín

Naceu en Riga (Letonia), comenza os estudos á idade de cinco anos, da man da súa nai Inara Vecbastika. Dende o 1987 segue a súa formación na Escola Especial de Música de Emils Darzins, en Riga, coa profesora Dace Berzaja e logo na Coruña con Rogelio Groba. Tamén participou en cursos de perfeccionamento de violín e música de cámara impartidos polos Mestres: Sylvie Gazeau e Giorgiu Fedorenko.

Dende os dez anos realizou recitais en Letonia, Francia, Suiza, Portugal e España, colaborando con pianistas como Lili Sarkistayan, Ángel González e Ileana Cortizo.

Participou en numerosos concursos obtendo diversos e importantes premios.

Como docente desenvolveu unha importante actividade en diferentes centros en Madrid, Salamanca e A Estrada (Pontevedra). Nos últimos anos impartiu varios cursos de violín, viola, música de cámara e orquestra en España.

Como intérprete, formou parte de distintos grupos de cámara, formando na actualidade no “Trío Magri” xunto á pianista Ilona Timchenko e á chelista Barbara Switalska.

Fundadora e presidenta da Asociación Compostela Sound. Dende 2017 é Vicepresidente da asociación Peregrinos Musicales.

Desde o ano 2006 forma parte da Real Filharmonía de Galicia.



PATRICIA REJAS, Piano

Inicia os estudos aos cinco anos no Conservatorio Profesional de León, obtendo o título de profesora de piano. Continúaos no Conservatorio Superior de Oviedo con Mª Teresa Pérez e na Escola Superior de Música “Jesús Guridi” de Vitoria con Albert Nieto onde acada o Título Superior de Piano e logo o de Música de Cámara coas máis altas cualificacións. É doutora pola Universidade de Vigo.

Foi a Francia onde, baixo a dirección de Patrick Cohen, no Conservatorio Nationale de Región de París perfecciona o estudo do fortepiano. Compaxina a interpretación con piano moderno coa de fortepiano. Ten impartido cursos, publicado artigos e libros sobre organoloxía de instrumentos de tecla e clasicismo.

Foi seleccionada pola Fundación Barrié de la Maza e pola Junta de Castilla León, para colaborar nos seus ciclos de concertos, foi bolseira para asistir aos cursos de verán de música de cámara de Santanderino como compoñente do Trío Addendum. Participou en numerosos festivais galegos e deu recitais en Italia, Lituania, Francia, Portugal …

Desenvolveu o seu labor docente en Ponferrada, A Coruña e na actualidade no Conservatorio Superior de Vigo.

Como investigadora publicou varias edicións de música inédita para teclado, e catalogou os arquivos musicais dos mosteiros de Ferreira de Pantón e Valdeflores en Lugo




PROGRAMA 


SONATA nº 5, Opus 24 "A primavera”
  • Allegro
  • Adagio molto espressivo
  • Scherzo: Allegro molto
  • Rondo: Allegro ma non tropo


    
SONATA nº 10, Opus 96
  • Allegro moderato
  • Adagio espressivo
  • Scherzo: Allegro – Trío
  • Poco allegreto




RECORDA:
  • Silencialo móbil 
  • Unha vez que empezou o concerto non accedas á sala ata que remate a peza que se está interpretando.