25.1.13

Audición 353 - Ars Anterga

Mércores, 30 de xaneiro de 2013 ás 20:15 horas.
Casa da Cultura de Monforte de Lemos.



Información do grupo e programa.
ARS ANTERGA está integrado por:
 IRMA FERNÁNDEZ ALONSO (tecla e percusión)
ILDUARA PERIANES GUITIÁN (canto e percusión)
JUAN MANUEL VÁZQUEZ (corda pulsada e percusión)

Programa:
Antiqvvs Mvndanvs Cantvs
Primvs
Danza Real......Anónimo
Cantiga nº 5: Quen as coitas......Afonso X O Sabio
Poco le das, la mi consuegra......Anónimo
Ondas do Mar de Vigo......Martín Códax
 Devtervs
Trotto......Anónimo
Miri it is......Anónimo
Cantiga nº 345: Sempr'a Virgem groriosa......Afonso X O Sabio
Ah, señora novia......Anónimo
 Tritvs
La Rotta......Anónimo
Allá en el midbar......Anónimo
Mandad'ei comigo......Martín Códax
Cantiga nº 371: Tanto vay Santa Maria......Afonso X O Sabio
 Tetrardvs
Cantiga nº 10: Rosa das Rosas......Afonso X O Sabio
Quantas sabedes amare, Amigo......Martín Códax
Stella Splendens......Anónimo (Llibre Vermell de Montserrat)
Triste está el Rey David......Anónimo

ARS ANTERGA

Logo de varios anos de periódicas colaboracións bilaterais entre os membros do grupo en diferentes recitais e festivais coma o Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación da Lírica Teresa Berganza en Santiago de Compostela, o Ciclo de Novos Intérpretes da Fundación Barrié de la Maza en A Coruña ou a I Semana de Música Antiga de Ourense, e froito das inquedanzas dos tres músicos pola música antiga, nace no ano 2010 Ars Anterga, coa inicial premisa de aunar esforzos e coñecementos na búsqueda e interpretación de dito repertorio.
 Na súa curta existencia, ten xa participado en importantes eventos coma o Programa Oralities, co que ofreceu concertos en Birgu (Malta) e nas cidades portuguesas de Mértola, Évora e Idanha-A-Nova; na sinatura do Pacto Galego Contra A Pobreza, en Santiago de Compostela; na Semana de Santa Icía 2010 do CMUS de Ourense; no XXIII Certame de Música Sacra de Ourense; no XXII Ciclo De Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía (Ourense); nas VI Jornadas Medievales de Cornago (La Rioja), ou nos actos de celebración do 50º Aniversario do Santuario da Virxe de Fátima de Ourense, no 2012.

IRMA FERNÁNDEZ ALONSO (tecla e percusión)
 Nace en Ourense en 1981. Con sete anos inicia os seus estudios musicais con Mª Teresa Trullás, e con 9 ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde realiza os seus estudios elementais e medios de piano con MªJosé Cid Castro, que conclúe con Mención de Honor. Continúa os estudios superiores no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde obtén o Título Superior de Piano como alumna de Nicasio Gradaille e obtén tamén o título superior de Linguaxe Musical, Repentización, Transporte e Acompañamento. A continuación realiza estudios de postgrao durante dous cursos na Escola Luthier de Barcelona como alumna de Ludovica Mosca e recibindo tamén clases de Alain Motard (París), Gennady Dzubenko (Moscova) e Ana Guijarro (Madrid). Durante todos estes anos, completou a súa formación en cursos de interpretación pianística (Luiz de Moura), música antiga (Chiao Pin Kuo), Pianoforte (Patricia Rejas), música contemporánea (Ludovica Mosca), danza histórica (MªJosé Mayordomo e Eva Narejos), etc.
 Participou, con 12 anos, no concurso de piano Angel Barja da súa cidade, acadando o posto de finalista, e quedando en segundo posto, con 15 anos, no concurso de piano Vila de Salou (Tarragona). Con 17 foi seleccionada para participar no ciclo de Xóvenes Intérpretes de Barrié de la Maza. Ten ofrecido recitais en Coruña, Vigo, Santiago (Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza) e Ourense (Ciclo de Novos Intérpretes do Concello de Ourense), tanto como solista como acompañando ao guitarrista Juan Manuel Vázquez, e tamén en Barcelona (Casa Elizalde).
 Dende o ano 1999 é organista do Santuario de Nosa Señora de Fátima de Ourense, polo que voltou ao Conservatorio de Música de Ourense onde rematou os estudos de órgano coa profesora e concertista Soledad Mendive, e completa a súa formación organística con cursos impartidos por Lucía Riaño, Angel de la Lama, Jesús Gonzalo ou José Luis González Uriol.
 Foi pianista e organista acompañante da agrupación coral ourensá Capela Madrigalista, coa que participou en ciclos como Os Mestres de Capela da Catedral de Ourense e Espazos Sonoros, que os levaron por toda a xeografía galega. Na actualidade, e dende 2004 é pianista e organista acompañante da Coral de Ruada, coa que colabora nas súas viaxes dentro e fora das nosas fronteiras (Francia, 2006).
 Dende o ano 2003 exerce a docencia como funcionaria no IES Celanova impartindo a asignatura de música.
 Nos últimos tempos ten ofrecido pequenos recitais e concertos didácticos no órgano ibérico de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela), na clausura do congreso CEHA de Historia do Arte, no órgano ibérico da Colexiata de Santa María la Real de Xunqueira de Ambía, para a Fundación Vigueses Distinguidos ou no órgano de San Salvador de Celanova para a Asociación de Estudios Santa Mariña de Aguas Santas.

ILDUARA PERIANES GUITIÁN (canto e percusión)
 Comeza os seus estudos musicais con 11 anos no Conservatorio de Música de Ourense pola especialidade de violín.
 Realiza seus estudos de canto coa profesora Ana Isabel Docampo Arocas neste mesmo conservatorio, e que compaxina cos estudos de Dereito na Universidade de Vigo, obtendo o título de Licenciada en Dereito e o de Profesora de Canto. Amplia seus estudos de canto cos profesores Helmut Lips (profesor de canto da Staatliche Hochschule für Musik de Stuttgart), Manuela Soto, e con María Dolores Suárez Tamargo en Oviedo. Asimesmo recibe clases maxistrais de canto impartidas por Teresa Berganza nos Cursos de Verán de Santander.
 Participa no I Certame de Xoves Intérpretes organizado polo Concello de Ourense, e tamén é seleccionada no I Concurso de Xoves Intérpretes organizado por la Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Realiza numerosos concertos no Liceo Recreo Ourensán, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Orfeón Unión Ourensana, Aula de Cultura Caixanova, e Conservatorio de Música de A Coruña entre outros. Foi seleccionada no III Certame de Canto para Voces Xoves “Premio Manuel Ausensi” en Barcelona.
 Na actualidade é Profesora de Música de Secundaria e é membro do Coro da Orquesta Sinfónica de Galicia, participando como solista na ópera Die Entführung aus dem Serail de W.A.Mozart, dirigida por Jesús López Cobos no Festival Mozart 2003 de A Coruña. No ano 2005 interpreta un monográfico de cancións galegas dedicadas ao musicólogo ourensán Antonio Fernández Cid con textos de poetas galegos e música de diversos compositores españois do século XX (J.Guridi, E.Toldrá, F.Mompou, X.Montsalvatge, A.García Abril,etc.) no Liceo Recreo Ourensán.
 Foi seleccionada polo director Víctor Pablo Pérez para interpretar como solista a Missa Brevis en sol maior KV 49 de W.A.Mozart no Festival Mozart de A Coruña de 2008, e polo director Miguel Ángel Gómez Martínez para o papel de ancelle na ópera Turandot de G. Puccini no LVII Festival de Ópera de A Coruña organizado por Amigos da Ópera de A Coruña en setembro do 2009.

JUAN MANUEL VÁZQUEZ (corda pulsada e percusión)
 Nado en San Cristovo de Cea (Ourense) en 1978, recibe as súas primeiras leccións de guitarra aos dez anos. No Conservatorio Profesional de Música de Ourense ten como mestres de guitarra a Raúl Nilo Rodríguez, Ánxela Ferreiro e Marcos Díaz, obtendo o Premio Extraordinario Fin de Grao Medio. En xuño de 2002 remata o Grao Superior de Guitarra coa cualificación de sobresaínte e a Primeira Mención de Honra no Conservatorio Superior de Música de Vigo, tendo como profesor a Tomás Camacho. Entre os anos 2003 e 2005 recibe clases de tiorba en Barcelona por parte de Xabier Coll.
 Asistiu a numerosos cursos de interpretación e perfeccionamento cos guitarristas David Russell, William Kanengiser, Tomás Camacho e Fabio Zanón, e dos instrumentistas de música antiga Amandine Beyer, Chiao-Pin Kuo e Antoine Torunczyck.
 Participou no I Ciclo de Novos Concertistas organizado polo Concello de Ourense, no III e IV Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, no I Certame de Antigos Alumnos do Conservatorio de Ourense, no XXXI Semana do Corpus (Festival de Música Cidade de Lugo) e no II, IV e V Festival Via Stellae de Santiago de Compostela. Ofreceu ademais numerosos recitais tanto en solitario, coma en dúo coa pianista Irma Fernández Alonso, coma acompañando a soprano Ilduara Perianes coa tiorba. Con elas dúas é fundador do grupo de música antiga Ars Anterga, con quen ten ofrecido numerosos recitais tanto na Galiza, coma en Portugal ou Malta. No ano 2011 colaborou co ensemble Harmonia Artificiosa como tiorbista, interpretando obras de Monteverdi, Sances, Strozzi e Ferrari no Festival de Música Cidade de Lugo.
 En 1999 gañou o Primeiro Premio no I Concurso de Guitarra Cidade de Tui e quedou finalista no I Certame de Novos Guitarristas César Aira 2001 en Cacabelos (León) e no VII Ciclo de Novos Intérpretes da Fundación Barrié (A Coruña) en 2003.
 En 2009 finaliza a Licenciatura en Ciencias Matemáticas e os estudos de Experto Universitario en Teoría da Información e a Codificación na UNED.
 Na actualidade é profesor de secundaria pola especialidade de música no IES Lama das Quendas en Chantada (Lugo), ademais de estar involucrado en varios e diversos proxectos musicais e artísticos.