12.11.13

Audición 360. The Brussels Virtuosi.


https://drive.google.com/file/d/0B_rPVQJ3bTqoNl85YWszME5hQ0k/edit?usp=sharing


ORQUESTA DE CÁMARA
THE BRUSSELS VIRTUOSI

Compoñentes :
12 instrumentistas de corda
Jean-Frédéric Molard, violín
Marc Grauwels, frauta

Esta agrupación internacional de novos e dinámicos músicos fundouse en 1981 por iniciativa do frautista belga Marc Grauwels. O seu primeiro concerto tivo lugar con motivo do acto inaugural do “Festival Musical Internacional de Verán da Cidade de Bruxelas 81”. A crítica foi unánime tanto para festexar o acontecemento como para loar as grandes calidades do grupo. Entresacamos a seguinte frase citada na prensa do momento :«The Brussels Virtuosi, un nome que desde agora os melómanos deberán reter na súa mente ...»
Cando tivo a idea de crear unha formación para interpretar as obras de música de cámara que se tocan raramente, Marc Grauwels pensou nun principio que sería "de xeometría variable". O novo grupo deberíase poder dividir o mesmo en trío ou en cuarteto de corda con frauta que en formación de Orquestra de Cámara. O seu nome «The Brussels Virtuosi» ten a súa orixe na idea de base de tocar as “Fantasías Brillantes” do XIX . Este tipo de música permite facer tocar cada instrumento como solista e tamén, destacar a cada un deles, valorándoos individualmente.
Durante moitos anos, percorreron o mundo cos solistas máis destacados: S. Mildonian, N. Rota, D. Ouziel, V. Bogaerts, L. Dewez, M. Hallynck, A. Piazzolla, C. Bolling, D. Blumenthal, Y. Storms, R. v. Spaendonck, A. Lagoya, J. Van dean Hauwe, Michel Lyhiec...
Os Brussels Virtuosi participaron en numerosos festivais internacionais; o Festival de Wallonie, de Flandres, de Hong - Kong, de Ravello, de Seúl, de Toquio ... A Orquestra efectúa regularmente xiras en España, en Alemaña, Francia, Austria, Grecia, Italia, Xapón, Corea, Estados Unidos , Países Baixos, Gran Ducado de Luxemburgo, Canadá, México, Venezuela...
«The Brussels Virtuosi» gravou un número impresionante de CD’s, obtendo un «prix du disque» editado por Hyperion e consagrado á música de cámara con frauta de Mozart.
Neste CD atópase entre outras obras o marabilloso adagio e roldo K 617 con órgano de cristal. Este programa con Thomas Bloch forma parte dos numerosos programas orixinais do repertorio, fóra do común, presentado por esta formación.

Marc Grauwels, frauta

Na actualidade é sen dúbida un dos frautistas mellor situados de Bélxica e iso é debido, por suposto, ao seu talento, ao seu carisma, á súa personalidade dinámica e xenerosa, pero tamén ao seu sentido innato da comunicación. O seu eclecticismo como solista internacional levouno a inspirar a un centenar de compositores do mundo enteiro a escribir especialmente para el. Así pois Ennio Moricone entre outros dedícalle a «Cantata para l’Europa», A. Piazzolla en 1985 a célebre “Historia do Tango” e, máis recentemente, o compositor grego E. Markopoulos o seu novo concerto para frauta que serviu como música para a inauguración dos Xogos Olímpicos de 2004 en Atenas.
Despois de rematar os seus estudos musicais no seu país e de debutar con orquestra na Ópera de Flandres, á idade de 19 anos (experiencia algunhas veces difícil pero que el sempre conta con moitísimo humor) estuda con J. Galway e J.P. Rampal entre outros.

En 1976, atopámolo tocando como piccolo só no Théâtre da Monnaie de Bruxelas (Ópera Nacional de Bélxica), posto que abandona en 1978 para ocupar o posto de primeiro frautista solista na Orquestra Sinfónica da Radio-Televisión Belga, onde estará durante 10 anos. Ademais foi seleccionado para o mesmo posto en 1986, cando se constituíu a famosa «World Orchestra» baixo a dirección de Carlo-Maria Giulini.
A partir de entón a súa carreira de solista desenvólvese a unha velocidade impresionante, o que lle leva a deixar definitivamente a Orquestra en 1987. Paralelamente durante quince anos ensinou como encargado do curso no Real Conservatorio de Bruxelas e, actualmente, é profesor titular no Real Conservatorio de Mons.
En febreiro de 2001, con motivo dunha xira por Asia, os principais responsables para todo o mundo da firma discográfica Naxos, con sede en Hong Kong, decidiron dedicarlle unha colección particular dentro do seu catálogo titulada "The Flute Collection". O primeiro disco desa colección foi o CD dedicado a F. Mendelssohn, que, tan pronto como apareceu no mercado, tivo un enorme éxito comercial. Críticas e prensa especializada acolleron esta nova gravación cun gran entusiasmo, facéndose eco dos maiores eloxios.
Dotado dunha natureza xovial e entusiasta Marc Grauwels non dubida en multiplicar as súas experiencias musicais máis diversas e encántalle alternar Piazzola con Mozart e Bach con R. Shankar, o que non lle impide mostrar a mesma dose de seriedade que de imaxinación na elaboración dos seus programas. A súa última gravación que é unha primeira mundial dedicada a obras do extraordinario compositor frautista belga -brasileiro do século XIX, Mathieu-André Reichert é un bo exemplo diso.

Cun mínimo de 100 concertos por ano no mundo enteiro e unha rica discografía, Marc Grauwels mostra que unha boa política artística pode hoxe en día levar a un frautista a ter un formidable éxito público.
Tanto na súa carreira como nas súas interpretacións, Marc Grauwels segue fiel á súa personalidade... o cal non é a menor das súas calidades.


RECITAL “MENDELSSOHN”

Felix Mendelssonh (1809-1847)
Sinfonía para orquestra
-Allegro
-Andante
-Presto

Felix Mendelssohn (1809-1847)
Concerto en re menor para frauta e orquestra
-Allegro molto
-Andante
-Presto


Felix Mendelssohn (1809-1847)
Octeto Op 20 en mi bemol maior para orquestra
-Allegro moderato ma con fuoco
-Scherzo
-Presto

No hay comentarios:

Publicar un comentario