10.11.25

Audición 454: Xingro's Big Band -- Nova data

 

Nova data

2 de decembro


 


 2 - 12 - 2025 ás 20: 15 h.

CASA DA CULTURA Poeta Lois Pereiro

 


Trombóns: Toño Gómez; Pedro Martínez; Jándri Gómez; Antonio Rodríguez
Piano: teclados: Iker RodríguezContrabajo;
Bajo eléctrico: Lucas Martínez
Batería: Alejandro Gómez
Percusión: Noelia Leite


A Xingro’s Big Band naceu no ano 2015 coa vontade de achegar ao público a música contemporánea e o jazz, explorando novas sonoridades dentro do formato clásico de big band. A formación está dirixida por Jose Pérez Arias e ten a súa sede na provincia de Pontevedra, concretamente no Conservatorio de Música Víctor Ureña de Redondela, onde realiza os seus ensaios habituais.
A banda está composta por profesores e alumnado do Conservatorio Víctor
Ureña e do Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra. Conta coa plantilla tradicional dunha big band: cinco saxofonistas —algúns tamén especialistas en clarinetes e frauta—, cinco trompetas que alternan con fliscornos, catro trombóns que dobran a bombardino ou tuba segundo as necesidades do repertorio, e unha sólida sección rítmica formada por contrabaixo, piano, teclados, percusión e batería. Completa a formación unha voz feminina, versátil e expresiva, que aborda con naturalidade estilos que van dende o jazz e o pop ata o rock ou a música tradicional galega.
Dende a súa presentación no Centro Dotacional de Torroso, A Xingro’s Big
Band percorreu numerosas cidades galegas e españolas, actuando en escenarios de Teruel, Yecla e outras localidades. No ano 2025, tivo a honra de abrir o Festival de Jazz de Yecla, celebrado no mes de setembro.
Ao longo da súa traxectoria, a banda desenvolveu unha importante actividade de carácter nacional e internacional, compartindo escenario con formacións como a Big T Band de Tilburg, The River Aa Big Band de Veghel (Países Baixos), a Big Band de Teruel, a Big Band da Casa da Música de Chantada e a Big Band do Conservatorio de Carballo.
A Xingro’s Big Band tamén aposta pola formación e a colaboración artística,
contando con recoñecidos músicos convidados que, ademais de actuar coa banda, impartiron master classes: Pedro Iturralde, Martijn de Laat, Ruud Breuls, David Pastor, Felip Santandreu, Juan Parrilla, entre outros.
Con paixón, compromiso e unha constante vontade de evolución, A Xingro’s
Big Band continúa a consolidarse como unha formación dinámica e prometedora no panorama jazzístico galego.

JOSÉ PÉREZ ARIAS, Director
Trompetista, pianista, compositor arranxista e director.
Nado en Almelo (Países Baixos) no ano 1977, Jose Pérez Arias pertence a unha familia de músicos e desenvolve dende novo unha intensa actividade artística e pedagóxica. Inicia os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde obtén os títulos de Profesor Superior de Piano, Trompeta, Solfexo, Teoría da Música e Repentización. Posteriormente amplía a súa formación en Madrid, especializándose en Armonía, Composición e Instrumentación cos profesores Juan Carlos Panadero e Valentín Ruiz, e completa os seus estudos na Fontys Hogescholen van Tilburg (Países Baixos), onde realiza tamén o Mestrado en Dirección de Orquestra baixo a dirección do mestre Hardy Mertens.
A súa formación complétase con destacados mestres como José Vicente Simeó, Enrique Rioja Lis, José Mª Ortí, Antón García Abril, Emilio Molina, Pedro Iturralde ou Mariano Díaz, entre outros.
No eido da dirección e composición, mantivo unha fonda relación artística e persoal co mestre Víctor Ureña, do que se considera discípulo. Como compositor, Pérez Arias é autor dunha ampla e variada produción que abrangue obras para banda, orquestra, música de cámara, jazz e música para nenos. Entre os seus títulos máis destacados figuran: Reboraina (xunto a Víctor Ureña), Camiños de Ida e Volta, O noso Funk, Reswingdondela, Chupiña, Choqueira, Poemas Saxofónicos, Maruxaa eiga, Alles Paletti (dedicada a Hardy Mertens), Concerto a un amigo para tuba e orquestra, Castaña Pilonga ou Llambión ( dediacada a Toño Gómez)entre moitas outras.
A súa actividade creadora compleméntase cunha importante labor como arranxista e director, con múltiples traballos para banda sinfónica, orquestra, grupos de metais, ensembles de jazz e formacións infantís, entre as que destaca a Chouque Big Band, un proxecto educativo que une alumnado e profesorado dos  conservatorios de Redondela e Pontevedra. Gravou e colaborou en numerosos discos —como Sempre Crescendo, Reswingdondela, Camiña don Saxo, Camiños de Ida e Volta ou A Plena Sombra—, tanto como compositor, arranxista, director, pianista e trompetista.
Na actualidade, é profesor e vicedirector do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, onde imparte trompeta e dirixe a Banda II. Paralelo a actividade docente dirixe a Xingro´s Big Band, lidera o seu quinteto, participa como arranxista e pianista na Orquestra de Saxos de Redondela, e colabora con numerosas outras bandas.
A súa traxectoria destaca pola versatilidade, a creatividade e o compromiso coa
difusión da música galega contemporánea. 

(TEXTO : XINGRO’S Big Band)


PROGRAMA

1.- Old Friends …………………………………………….. Pedro Iturralde
2.- Don´t get around much anymore ………………...… Duke Ellington
3.- Let´s Fall in love ..... Harold Arlen/ Ted Koehler / Arr: Rusty Dedrick
4.- Castaña Pilonga ............................................................. Jose Pérez
5.- Muxica ....................................................................... Luís Rodríguez
6.- Lela ........................ Rosendo Mato/ A.D.R. Castelao/Arr: Jose Pérez
7.- Llambión .......................................................................... Jose Pérez
8.- Over the Rainbow ................................... Harold Arlen / Yip Harburg
9.- Bésame Mucho ...................... Consuelo Velázquez/ Arr: Jose Pérez
10.- In a mellow tone ....................................................... Duke Ellington
11.- Autumn ...................................... Leaves J. Kosma/ Arr: Jose Pérez
12.- Sofrito Mongo Santamaría& Neal Creque /Arr: M.P. Mossman
13.- Funky Cha Cha ...................................................... Arturo Sandoval
14.- Think ...................................................... Aretha Franklin/ Ted White

18.10.25

453 Percorrendo Castelao - Lucus Ensemble

Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro

25 de outubro 2025, 20:15 horas

 


 LUCUS ENSEMBLE

Nace en Lugo no ano 2014. Despois de coincidir en diversos concertos benéficos, un grupo de trece músicos con ampla experiencia interpretativa no ámbito da música clásica e do jazz, decidimos crear unha formación estable, na capital lucense para o desenvolvemento de proxectos musicais adaptados para un grupo de vento, corda, percusión e voz.
Dende entón, levamos interpretado incontables concertos de moi diversa temática por toda a xeografía galega, ata converternos no referente da música de cámara da nosa provincia.
A principal característica identificativa do noso grupo ven determinada porque todos os repertorios interpretados nos anos transcorridos dende a súa creación foron arranxados por músicos do ensemble para o ensemble, o cal nos aporta unha sonoridade totalmente persoal e inconfundible.

Percorrendo CASTELAO

É un proxecto musical que desenvolve LUCUS ENSEMBLE, co gallo do 75 aniversario do pasamento de Castelao, efemérides que se está a celebrar en toda Galicia neste “ANO CASTELAO”.
Unha narración (audio-visual) biográfica é o fío condutor do concerto no  que o grupo LUCUS ENSEMBLE, baseándose nos fitos vitais, creativos e políticos da súa vida, interpreta as pezas musicais relacionadas coas estadías nas que aqueles tiveron lugar, desde o seu nacemento en Rianxo ata o seu repouso no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval de Santiago.

O esquema do concerto é o seguinte:
    • ESTADÍA.- Narración biográfica > Fito salientable > Peza musical >Autor (todo elo coa correspondente imaxe)

    • ESTADÍA 1.- Primeiros anos > Medalla ouro 1909 por “Festa na Aldea” > Festa na Tolda > Gustavo Freire

    • ESTADÍA 2.- Viaxe pola Bretaña > Cruces de pedra > Rapsodie Bretonne > C. Saint-Saens.

    • ESTADÍA 3.- Estatuto de Galiza> Presentación en 1936 en Madrid > Fandango de “Doña Francisquita > Amadeo Vives.

    • ESTADÍA 4.- Valencia e Barcelona (1937)> publicación álbumes de guerra > As Froliñas dos toxos > Música de Toldrá (Vilanova i la Geltrú) e letra de Antonio Noriega Varela.

    • ESTADÍA 5.- Nova York / La Habana > Debuxos de Negros > Obertura Cubana > G. Gershwin.

    • ESTADÍA 6.- Buenos Aires (1940) > Sempre en Galiza; Os vellos non deben namorarse. En 1944 presidente do Consello de Galiza (Montevideo) > El baile de los Morenos > Candombe popular uruguaio.

    • ESTADÍA 7.- Paris (1946-1947) > Ministro sen carteira do goberno republicano no exilio en París > Chanson Espagnole > Ravel, con texto de Rosalía de Castro.

    • ESTADÍA 8.- Retorno a Buenos Aires (1947) > As cruces de pedra na Galiza. Falecemento 7/1/1950.Enterro en Bos Aires. Traslado a Galicia en 1984 > Muiñeira de Pontesampaio > Popular


(TEXTO : LUCUS ensemble)

14.10.25

Concerto XOÁN MONTES AO PIANO

Venres 17 de Outubro de 2025, 20:15 horas

Casa da Cultura de 2025

 

 


O SON DO PASADO QUE CONMOVE O PRESENTE

A idea de divulgar a creación musical dun compositor galego do Rexurdimento é o eixe deste ciclo de concertos de homenaxe a Xoán Montes na súa faceta como pianista.
A súa producción para este instrumento é a parte máis descoñecida do seu catálogo e representa unha parte esencial do patrimonio cultural galego no eido musical.
Os intérpretes encargados da interpretación neste proxecto son Javier Ares Espiño, Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto, con sólidas traxectorias artísticas e consolidados como referentes na recuperación e posta en valor da música galega dos séculos XIX, XX e XXI.

INTÉRPRETES

Javier Ares Espiño  Doutor pola USC e Catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Autor de varios libros e artigos nunha liña de investigación sobre o compositor galego-arxentino Carlos López García-Picos.


Jorge Briones Martínez     Catedrático de piano acompañante no Conservatorio Superior de Música da Coruña e máster pola UDC. Compatibiliza a súa actividade docente e a xefatura do Departamento de piano acompañante cunha relevante actividade interpretativa centrada en música de compositores galegos dos séculos XIX e XX.


Pablo Diago Busto        Profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. Foi gañador de diversos premios no Concurso de Piano Infanta Cristina, no Concurso de Piano “Ciudad de Linares–Marisa Montiel” e no Ciclo de Xoves Intérpretes da Fundación Pedro Barrié de la Maza.

PROGRAMA


PRIMEIRA PARTE 

        
Melodía para a man esquerda, en Do m                 
Scherzo, en Mib M
Muiñeira
Danza habanera nº 1
Mazurca I, en Mi M
Valse III, en Do M
Polca, en Do M



SEGUNDA PARTE

Andante sentimental, en Sib M
Bailados para orquestra. Cuadrilla III: nº 1, 2, 3, 4 e 5
Mazurca, en Do M (a 4 mans)
Bailados (a 4 mans)
Mazurca, en Sib M
Valse, en Do M



14.8.25

Audición 452: Cine Concerto Caspervek - O Navegante

6 de setembro, 20:00 horas

Praza de España de Monforte de Lemos.


CASPERVEK

Comezos

Caspervek Trío fundouse en 2013 polo pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer. A súa primeira actuación foi en xaneiro de 2014, interpretando unha partitura orixinal e improvisada para o Nosferatu de F. W. Murnau. Un mes máis tarde, o violinista Eduards Vecbastiks uniuse ao dúo e comezaron a escribir novas bandas sonoras para as obras mestras do expresionismo alemán. Nos seus primeiros catro meses de actividade, a banda estreou catro bandas sonoras. A prensa local especializada definiu este debut como "a gran sorpresa de 2014".

Primeiros anos

O trío alcanzou rapidamente certo recoñecemento local, tocando nalgúns dos principais festivais da rexión como o Via Stellae ou o Festival Sinsal. Un ano máis tarde, Caspervek faría a súa primeira xira europea. Unha viaxe que lles levou a actuar nunha ducia de países do continente, estreando cinco novas bandas sonoras e actuando en importantes escenarios como o Museo Nacional de Estonia, o Auditorio Baltais Fligelis de Letonia ou a Galería FLUX de Budapest. Nos anos seguintes, Caspervek seguiría actuando noutros importantes escenarios europeos como a Lytgen Station de Copenhague, o GORS de Rezekne ou o Kalnciema Kvartals de Riga. En 2015 e 2016, Caspervek formou parte da programación de The Urban Beach Cinema, un dos maiores cinemas ao aire libre de España, onde ofreceu máis de dez películas mudas ante miles de persoas. O 26 de outubro de 2016 fixo o seu primeiro cine-concerto para a Sociedad Filarmónica de Monforte de Lemos.

Anos intermedios

En 2016, unha nova violinista, Raquel Fernández, uniuse á formación, mentres que Eduards trasladouse a Alemaña. Durante estes anos, o grupo acentuou o seu interese nos concertos didácticos, traballando estreitamente con festivais de cinema e institucións académicas para desenvolver programas específicos que achegasen o cinema mudo e o patrimonio cinematográfico aos nenos. Como resultado deste traballo, o grupo ofreceu concertos educativos no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), o Teatro Afundación (Vigo), ou o Centro Cultural Záhrada en Banska-Bystrica (Eslovaquia), así como en ducias de escolas e colexios de toda España.

Novos camiños

En 2019 o grupo decide afastarse da súa formación como trío para evolucionar cara a un ensamble modular segundo as necesidades de cada película. Esta nova etapa comeza coa estrea do proxecto máis ambicioso da historia de Caspervek: unha épica representación da paixón de Juana de Arco de C. T. Dreyer cun coro de 24 cantantes e un conxunto de 12 músicos que se estrea en maio de 2019 ante un cheo total en Vigo, en Monforte representouse o 18 de novembro de 2022. Este é o primeiro proxecto que integra o cinema mudo coas novas tecnoloxías multiángulo.

O NAVEGANTE

O filme

Rollo Treadway, un mozo absurdamente rico e mequeiro, decide de forma impulsiva propoñerlle matrimonio á súa veciña, Betsy O'Brien. Sen perder tempo, envía ao seu mordomo para reservar un cruceiro de lúa de mel con destino a Honolulu. Pero cando Betsy rexeita a súa proposta repentina, Rollo decide emprender a viaxe de todos os xeitos. Esa mesma noite, por un erro coa sinalización do peirao, sobe ao barco equivocado: o Navigator, que acaba de ser vendido polo pai de Betsy a un país estranxeiro... e en conflito. Por azares do destino, Betsy tamén termina a bordo, e a parella deberá sobrevivir xuntos —e sós— á deriva no medio do océano, sen tripulación, sen habilidades náuticas… e rodeados de trampas cómicas.
O contraste entre os refinados modais de Rollo e as esixencias mecánicas do barco xera algúns dos momentos máis hilarantes do cinema mudo: desde intentos torpes de cociñar ata loitas por acender unha estufa de carbón ou manipular ferramentas náuticas. A comedia desprázase do interior do barco a escenas submarinas, e culmina cunha secuencia de mergullo absolutamente innovadora para a súa época, que marcou un fito no uso de equipos acuáticos no cinema.
The Navigator é unha das películas máis exitosas e orixinais de Buster Keaton, e tamén, das máis ambiciosas desde o punto de vista técnico. A súa premisa combina o slapstick máis físico cunha elegante crítica social: dous privilexiados incapaces de valerse por si mesmos, obrigados a enfrontarse á realidade sen criados, comodidades nin terra firme.
A orixe de The Navigator foi case accidental: o escenógrafo Fred Gabourie descubriu o antigo transporte militar USAT Buford nun estaleiro de San Francisco. Keaton viu o seu potencial e convenceu ao seu produtor Joseph Schenck de alugalo por 25.000 dólares, con tripulación incluída. O barco foi rebautizado como The Navigator, e máis de 60 persoas traballaron durante 10 semanas a bordo, incluíndo a mariñeiros reais encargados de operar a embarcación.
A película foi o maior éxito comercial de Keaton, e hoxe considéraselle unha das súas obras máis redondas en termos de ritmo, humor visual e exploración temática. A súa idea do home moderno perdido entre máquinas que non comprende —tema recorrente en Keaton— alcanza aquí a súa máxima expresión.
En 2018, a Biblioteca do Congreso de EE. UU. seleccionou The Navigator para a súa conservación no National Film Registry, pola súa importancia cultural, histórica e estética.

A banda sonora

“The Navigator” permitiu a Brais González combinar na súa partitura os elementos tradicionais presentes nas súas composicións para comedias de humor con outros elementos musicais, como cancións mariñeiras, música tribal e música de películas de aventuras dos anos 50.

NOTAS: As escenas submarinas, revolucionarias para a época, inclúen equipos de mergullo reais e foron filmadas con gran dificultade técnica. A película foi analizada como unha sátira sobre a dependencia moderna da tecnoloxía, un tema que décadas despois exploraría o cinema de Chaplin ou Jacques Tati.                           

Texto CASPERVEK


10.6.25

Audición 451. Orquestra Terra Nova

Domingo 29 de xuño, 19:30 horas

Igrexa dos Escolapios

TERRA NOVA
XOVE ORQUESTRA DE LUGO


 




“Onde a Música Medra”

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova é un novo proxecto autoxestionado musical e pedagóxico, no que un grupo de mozos e mozas instrumentistas, tanto da Cidade de Lugo, como doutras latitudes de Galicia, impulsan o funcionamento dunha orquestra sinfónica, co claro obxectivo de propulsar a difusión da música sinfónica universal e local, así como contribuír á profesionalización da práctica orquestral e coral.

Comezando os seus ensaios en novembro de 2022, puido ver a luz en decembro do mesmo ano, outorgando un Concerto de Nadal a sala chea no Círculo das Artes de Lugo, que tivo que ser repetido en xaneiro, debido á alta demanda de público.

Seguindo coa súa liña colaborativa, abordou o Stabat Mater de F.J. Haydn, co que inaugurou as festividades de Semana Santa na Catedral de Lugo, cun coro de máis de 50 persoas, conformado por 5 corais lucenses, entre elas, o novo Coro Xove, que depende da Orquestra. Do mesmo xeito, colaborou co Curso de Dirección Orquestral Introdución a la Batuta, permitíndolle a 4 moz@s director@s dirixir unha orquestra sinfónica por primeira vez.

Finalmente, tan só un ano despois da súa estrea, ofreceu a Sinfonía Nº 9 “do Novo Mundo” de A. Dvorak, en formato didáctico, para toda a familia, como Concerto de Nadal. No mesmo, a orquestra de máis de 60 integrantes actuou coa actriz e divulgadora Ana Hernández Sanchiz.

 NICOLÁS RAVELLI BARREIRO, DIRECTOR

Formouse en Arxentina, en Piano cos Mestres Juan Carlos Figueiras e, no Conservatorio Superior de Música "Manuel de falla " , Manuel Massone e Beatriz Pedrini, así como tamén con #Luis Gorelik, Carlos Bertazza e Dario Dominguez Xodo, na Universidade Nacional das Artes, en Dirección Orquestral. Ao longo da súa carreira actuou en diversas salas, abordando repertorio solista e de cámara e dirixiu e acompañou diversas formacións, interpretando repertorio sinfónico, lírico e ensamble de percusión, realizando o seu debut como Director Musical de Ópera no ano 2014, coa Frauta Máxica de W.A. Mozart, en Ópera Aperta de Buenos Aires. Da mesma maneira, participou en producións de Ópera independente nas compañías Juventus Lyrica e OID Opera, sendo no segundo dos casos, pianista na estrea Arxentina de The Bohemian Girl, de William Balfe. Tamén formou parte da primeira edición do Lima Opera Fest, que tivo lugar no Teatro Municipal de Lima, á fronte da Dirección Musical do festival, coas Óperas Così fan tutte e Bastien und Bastienne, ambas as de W.A. Mozart e ten no seu haber a dirección da ópera Basta de G. Puccini, xunto ao Opera Festival de Buenos Aires e a produción e dirección de The Medium de G.C. Menotti no espazo artístico independente da súa propia fundación: Fiat Ars. Actualmente, reside en España, onde se realizou o Máster en Dirección Instrumental, Sinfónica e Vogal do Instituto Katarina Gurska de Madrid, baixo a tutela do Mtro. Borja Quintas e onde é Fundador e Director Artístico da Nova Orquestra de



- - - - - - - - - - - PROGRAMA - - - - - - - - - -

SINFONÍA n.º 9 Op. 95 “Del Nuevo Mundo” …………..…….. Antonín Dvorák

I.- Adagio – Allegro molto II.- Largo III.- Squerzo. Molto vicace IV.- Allegro con fuoco

 

 



19.5.25

Audición 450: Pablo Ventero e Orquestra Gaos

Domingo 1 de Xuño de 2025, 19:30 horas

Igrexa de Nosa Señora da Antigua, (PP Escolapios)

Entrada de Balde

 

Concerto patrocinado por Xunta de Galicia

 

Pablo Ventero, violín.


Comeza os seus estudos musicais aos 7 anos no Conservatorio Profesional “Federico Moreno Torroba” en Madrid. Posteriormente, continua os seus estudos da man do Mestre Alfredo Garcia Serrano no Conservatorio “Amaniel” e na Universidade “Alfonso X O Sabio”. Aos 17 anos concédeselle unha bolsa completa na Jacobs School of Music, USA, da man do Mestre Mauricio Fuks e Alexander Kerr. Aos seus 23 anos de idade o mozo violinista Madrileño tocou como solista en varios auditorios de prestixio internacional como o Auditorio Nacional de España, o auditorio “Monumental” de Madrid, Michael Klein Tent (Colorado), Auer Hall (Indiana) ou Kaufman Music Center en Nova York, da man de músicos como Gil Shaham, Augustin Hadelich, Alexander Kerr, Joshua Bell ou Daniil Trifonov.



ORQUESTRA GAOS

A Orquestra Gaos nace en abril de 2009 e está formada por 80 músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesores dos conservatorios galegos, cos que desenvolve unha importante actividade concertística. Desde a súa creación ofrece máis dun centenar de concertos e participan como solistas máis dunha cincuentena de músicos galegos cunha importante traxectoria artística, algúns dos cales xa posúen unha dilatada carreira. Colabora co Concurso Internacional de piano “Ciudad de Ferrol” nas súas edicións de 2009 e 2010 acompañando a fase final da competición.

En 2010 grava un CD con temas galegos orquestrados por Juan Durán xunto á soprano Cristina Gallardo- Dômas. Organiza o I e II Ciclo de Catedrais ofrecendo concertos nas catedrais de Galicia cun gran éxito de crítica e de público. Desde 2011 a 2016 organiza xunto ao IBS Pai Rubinos o seu tradicional concerto de Nadal convidando a artistas consagrados como Ainhoa Arteta, Borja Quiza ou Celso Albelo.

En 2013 ofrece unha gala lírica con Gregory Kunde e Juan Jesús Rodríguez baixo a dirección de Ramón Tébar no marco do Festival de Amigos da Ópera da Coruña. En 2020 participa na produción da verbena da Pomba da Programación Lírica da Coruña na que se inclúen dúas galas líricas con artistas da talla de Sondra Rodvanosky, Carlos Álvarez, Simón Orfila, Alejandro Roy, Borja Quiza, Carol García ou Vanessa Goikoetxea entre outros.

Así mesmo, clausura a edición de 2021 cunha Gala Lírica con Juan Jesús Rodríguez e María José Moreno. En novembro de 2020 participa no Festival de Ópera de Forteventura como orquestra residente. Nestes anos, ademais da súa propia tempada de concertos, tanto na Coruña como no resto da comunidade galega, convida a importantes músicos para coidar a formación e perfeccionamento dos seus membros, como David Grimal, violinista e director de Les Dissonances ou David Ethéve, violoncelo principal da OSG. 

 

Programa:

1.- Suite de El sombrero de tres picos (Manuel de Falla)

2.- Concerto para violín e orquestra nº 1 Op. 26 (Max Bruch)

25.4.25

Audición 449. Loba Branca (Unha ópera galega en dous actos)

Venres 16 de maio, 20:15 horas

Edificio multiusos de Monforte de Lemos



Descargar Libreto



O COUREL

A Serra do Courel é un dos grandes pulmóns verdes de España: os seus máis de douscentos quilómetros cadrados albergan unha das maiores reservas de fauna salvaxe de Galicia: teixugos, jabalíes, raposos e, sobre todo, lobos e osos pardos. Apenas novecentas persoas viven en toda a Serra do Courel, repartidas en varias parroquias moi lonxe unas doutras, o que o converte nun lugar illado e pouco accesible no que, como dicía o poeta local Uxío Novoneyra, "aquí un pode descubrir o insignificante que é un home".

A LENDA

Brais elixiu unha coñecida historia do Courel, coñecida na zona como a "lenda da loba branca"; un relato curto que narra a complicada relación entre unha manda de lobos e as aldeas veciñas. Esta historia serviu ao compositor para escribir un libreto propio que estende a historia orixinal, dotándoa dun arco narrativo máis complexo.

LOBA BRANCA (Unha ópera galega en 2 actos e 8 escenas)

(Unha ópera ambientada na Serra do Courel, o corazón da Galicia verde, que nos fala da honra, do respecto á natureza, dos retos vitais aos que se enfrontan diariamente os habitantes da España baleirada e das relacións que se establecen entre humanos e animais nestas contornas).

En xaneiro de 2022, o Festival delle Nazione de Città de Castello (Umbria, Italia) encargou ao compositor vigués Brais González a creación dunha ópera baseada nunha lenda ou conto tradicional do seu país para estrear durante a celebración dá 55ª edición do festival, en agosto dese mesmo ano.

O compositor elixiu unha coñecida historia da Serra do Courel, coñecida na zona como a "lenda dá loba branca"; un relato curto que narra a complicada relación entre unha manda de lobos e as aldeas veciñas.

Esta historia serviu a Brais González para escribir un libreto propio que estende a historia orixinal, dotándoa dun arco narrativo máis complexo e que permite ao autor tratar temas de gran relevancia como as complicadas relacións coa contorna no medio rural, o respecto á natureza, a honra ou a vinganza.

A obra estreouse nunha sesión dobre o 28 de agosto de 2022 no Teatro degli Illuminati de Città dei Castello esgotando as localidades nas dúas representacións. Posteriormente, en decembro dese mesmo ano, a obra representouse novamente no Teatro Cuccinelli de Solomeo, nunha produción dirixida por Mario Cecchetti con Carolyne Beck e Veronica Martinelli como solistas principais. A obra espera novas representacións en Modena, Perugia e Nápoles para 2023/24.

Brais González escribiu o texto lírico da ópera orixinalmente en galego. A versión representada en Italia, aínda conservando (a solicitude do compositor) algunhas palabras en lingua orixinal na que foi escrita, foi traducida ao italiano por expertos en tradución lírica. A versión orixinal da obra tivo finalmente a estrea o día 27 de setembro de 2024 no Teatro Principal de Ourense, grazas á Fundación Vicente Risco , que a incluí una programación da xornada coorganizada co Conselloda Cultura Galega e coa colaboración dp Teatro Principal de Ourense, titulada “A música ten ondas coma o mar. A música e Vicente Risco”. Nesta estrea galega foi o propio compositor o que estivo á batuta, con Beatriz Arenas no papel de Loba, Teresa Gómez como Meiga, Jorge Arcos como Cazador, o Coro Rías Baixas nos papeis grupais (Manda de lobos – voces femininas - e Aldeáns – voces masculinas -) e o Ensemble Caspervek, facendo a música. As representacións orixinais, semi-escénicas, foron acompañadas polo traballo de vídeo en directo e manipulación de área do director de cinema italiano Massimo Otoni. A representación en Solomeo de decembro de 2022 estivo auspiciada polo Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia.





PROTAGONISTAS

LOBA (soprano), A valente líder dun clan de lobos que viven na Serra do Courel

MEIGA (mezzo-soprano), Unha anciá dunha pequena aldea do Courel, á que os aldeáns cren unha bruxa porque fala cos animais.

CAZADOR (narrador), Un dos homes da aldea, que vive de cazar nas montañas.

A MANDA DE LOBOS (coro infantil ou coro blanco)

OS ALDEÁNS (coro infantil ou coro masculino)



A MÚSICA

(A música de Loba Branca está inspirada na música tradicional galega e noutras influencias tradicionais celtas, que se unen á linguaxe habitual da música de Brais González: ritmos complexos, texturas ambientais e fusión coas músicas de tradición oral e as músicas populares urbanas.)

ENSEMBLE CASPERVEK: violín, viola, cello, frauta, clarinete, piano, timbales (2) e percusión (tom set, snare drum, piatti, glockenspiel)

(Texto: Fundación Vicente Risco e Brais González)