25 de marzo de 2026, 20:15 horas
Casa da cultura poeta Los Pereiro.
TRÍO CARONIUM (Violín, Chelo e Piano)
É un grupo de cámara formado por David Veiga Martínez (violín), Isabel Font Belmonte (violonchelo) e Javier Ares Espiño (piano) que nace no ano 2015. Entre os seus obxectivos está a posta en valor do patrimonio musical galego e nesa liña de traballo destaca a súa presentación no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde interpretou a integral dos tríos de Eduardo Rodríguez-Losada, nun concerto que foi gravado por Radio Galega. David Veiga e Isabel Font son docentes no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e Javier Ares no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
Neste programa profundan nesa liña de recuperación de patrimonio musical galego coa interpretación dunha obra do compositor coruñés Marcial del Adalid, do que se celebra este ano o bicentenario do nacemento, e que foi reconstruida e rematada polo compositor Juan Durán. O Trío para violín, violonchelo e piano de Marcial del Adalid foi estreado o 17 de marzo de 2026 na Real Academia Galegas de Belas Artes no “Ciclo de conferencias e concertos Bicentenario Marcial del Adalid (1826-1881). Martes das Artes 2026”.
Complétase o programa cunha obra de referencia no repertorio camerístico para esta formación: o Trío para violín, violonchelo e piano de Tchaikovsky. A obra foi creada entre os anos 1881 e 1882, está adicada ao seu amigo Nikolái Rubinstein, e leva como subtítulo “á memoria dun gran artista”. Nikolái falecera no ano 1881 e Tchaikovsky decidiu crear unha xigantesca homenaxe musical articulada en dous grandes bloques: unha peza elexíaca e un tema con variacións.
David Veiga Martínez
Nacido na Coruña, realizou os seus estudos musicais no Conservatorio da súa cidade, onde se formou con destacados profesores e violinistas, ampliando posteriormente a súa preparación na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Tras obter o título superior de violín e música de cámara coas máximas cualificacións, continuou o seu perfeccionamento en Madrid con recoñecidos mestres, como Ara Malikian, Eusebio Ibarra ou Manuel Guillén, e cursos especializados en análises, música de cámara, práctica orquestral e violín. Colaborou con diversas orquestras e conxuntos, é membro do Cuarteto Antares e de Gallaecia Antiqva e desenvolve tamén unha labor pedagóxico e de divulgación musical. Actualmente é profesor no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.
Isabel Font Belmonte
Natural de Palencia, realizou os seus estudos profesionais de violonchelo no Conservatorio da súa cidade, formándose con diversas profesoras e ampliando a súa preparación con María de Macedo. Continuou os seus estudos superiores en Salamanca e na ESMUC, onde os finalizou brillantemente e recibiu formación en música de cámara do Cuarteto Casals. Obtivo premios e distincións en certames como o Vila de Salou e o concurso Vila de Ponts. Perfeccionou a súa formación en Santiago de Compostela e en numerosos cursos con recoñecidos mestres, como Bárbara Switalska ou Asier Polo. Desenvolve unha intensa actividade camerística, especialmente co Trío Antares, e actualmente é profesora no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.
Javier Ares Espiño
Doutor pola USC e Catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Comezou os seus estudos no Conservatorio de Betanzos, continuando no Conservatorio Superior de Música de A Coruña baixo a dirección de Natalia Lamas. Posteriormente ampliou os seus estudos no Centro Superior de Ensinanza Musical Katarina Gurska recibindo clases dos pianistas Alexander Kandelaki e Nino Kereselidze. Desenvolve unha ampla actividade como solista, destacando as súas actuacións coa Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Sinfónica de Ponferrada, Banda Municipal de Música de A Coruña ou Banda Municipal de Música de Santiago, e como integrante de grupos de cámara en diversas formacións. É membro da Irmandade da Música Galega e do Grupo de Investigación Organistrum da USC, co que participou en varios proxectos I+D+i.
PROGRAMA
1.- Marcial del Adalid (1826-1881):
Trío para violín, violonchelo e piano, Op. 36
(Reconstruida e finalizada por Juan Durán, 2025)
I.- Moderato
2.- Pyotr Ilych Tchaikovsky (1840-1893):Trío en la menor, Op. 50
I.- Pezzo Elegiaco
II.- a) Tema con variazioni. Andante con moto
Var I
Var II: Più mosso
Var III: Allegro moderato
Var IV: L'istesso tempo
Var V: L'istesso tempo
Var VI: Tempo di ValseVar VII: Allegro moderado
Var VIII: Fuga. Allegro moderato
Var IX: Andante flebile, ma non tanto
Var X: Tempo di Mazurka
Var XI: Moderato
b) Variazione finale e coda. Allegro risoluto e con fuoco
Coda: Andante con moto – Lugubre. L'istesso tempo

No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.